Música e patrimonio medieval no ciclo ‘Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia’

Enclaves representativos da historia medieval de Galicia son os escenarios elixidos para seis propostas culturais que irmandan música clásica con roteiros e visitas guiadas

O ciclo ‘Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia’ chegará, no mes de setembro, a diferentes enclaves patrimoniais da provincia da man das áreas de Cultura e Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña e dos concellos de Brión e Vimianzo. O programa foi presentado esta mañá polos deputados ambas áreas, Xurxo Couto e Xosé Lois Penas, pola acaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, pola concelleira de Turismo e Patrimonio de Brión, Yolanda Bouzas, e pola directora artística da iniciativa, Belén Bermejo.

No acto de presentación, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, aproveitou para salientar que esta proposta supón unha oportunidade para achegarse dun xeito diferente a unha serie de espazos da provincia directamente relacionados “coa nosa historia, concretamente coa historia medieval galega ás veces tan descoñecida, a través da música e da creación artística”. Así, durante tres fins de semana, entre o 11 e o 26 de setembro, combinaranse concertos musicais con roteiros e visitas guiadas nun total de oito espazos: as Torres de Altamira e as igrexas de Cornada, Luaña e San Fins en Brión, o Pazo de Mariñán en Bergondo, a igrexa de Santiago de Cereixo e o Castelo de Vimianzo, e as Torres do Allo en Zas.

Pola súa banda, o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Lois Penas, asegurou que ‘Espazos Sonoros’ está na liña da filosofía do seu departamento de “integrar todas as áreas posibles na posta en valor do patrimonio, tanto a cultura como o turismo, a conservación, a historia, e mesmo a lingua e a economía”. Neste sentido, salientou que a través deste ciclo “poderemos coñecer o patrimonio máis aló dunha visita, e cada proposta converterase nunha experiencia sensorial”. Tamén lembrou que, ao igual que outras iniciativas da Deputación, este proxecto se leva a cabo en colaboración cos concellos e, neste caso concreto, combínanse espazos patrimoniais de titularidade da Deputación con espazos de titularidade municipal en Brión e Vimianzo.

En relación ao Concello de Brión, a concelleira de Turismo e Patrimonio, Yolanda Bouzas, mencionou que precisamente “a xornada inaugural deste programa premitirá coñecer dúas das parroquias máis descoñecidas de Brión, as de Cornada e Luaña, porque aínda que pareza mentira no século no que estamos aínda quedan lugares por descubrir”. Mentres, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez cualificou como “lugares emblemáticos” os dous espazos escollidos neste concello e agradeceu que se incluíran na iniciativa “dando visibilidade ao que ofrece Vimianzo”, ao tempo que avogou porque o programa “teña continuidade e se siga celebrando en anos vindeiros”.

A directora artística de ‘Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia’, Belén Bermejo, comezou avogando pola sostibilidade do programa, en canto a proximidade e formato, ao que tamén cualificou como “imprescindible á hora de manter a cultura viva en tempos difíciles”.

Do programa salientou “a aposta pola calidade nas propostas musicais pero buscando sempre o engarce sonoro e temático cos espazos nos que se desenvolve”, e no que se conta con formacións galegas e outras convidades doutras partes de Europa. Todas as actividades son de balde pero é preciso inscribirse a través do mail actividades@espazossonoros.org

Programa

Sábado 11 de setembro. Igrexas de Cornada e A Luaña, Brión.

Programa: A lírica medieval galego-portuguesa na tradición oral galega. Inclúe actuación musical de ‘Manseliña’ e roteiro de músicas in itinere polas terras dos Moscoso con paradas en diferentes espazos.

Domingo 12 de setembro. Igrexa de San Fins, Brión

Programa: Il paradiso della música. Coa formación musical ‘Ensemble Ony Waytars’ e roteiro comentado polas Torres de Altamira.

Sábado 18 de setembro. Pazo de Mariñán, Bergondo

Programa: Músicas que arrecenden a lugares. Actuación musical a cargo da formación ‘Dous’ e visita guiada polo Pazo e xardíns.

Domingo 19 de setembro. Igrexa de Santiago de Cereixo, Vimianzo.

Programa: Labirinto. Formación musical ‘Vivd Consort’ e visita guiada pola contorna, que inclúe as Torres de Cereixo e paseo polo Río Grande e muíños da maré.

Sábado 25 de setembro. Castelo de Vimianzo.

Programa: Treides Comigo!. Con música de Xoan Curiel e visita polo Castelo

Domingo 26 de setembro. Torres do Allo, Zas.

Programa: Ben Vennas Maio. Con actuación de Pablo Pérez Sanmamed e visita ao conxunto das Torres.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.