O BNG inquire o Goberno local sobre os labores de limpeza na Silva e en Bens co tratamento diferenciado para os plumachos

“No caso das plantas invasoras, proceder a rozar sen máis só contribúe a esparexer aínda máis a semente e facilitar a súa propagación”

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno Local en relación aos labores de limpeza feitos nas beiras dos camiños do lugar de A Silva e na estrada DP 3002 que comunica a Avenida de Fisterra con Bens.

Denuncia o voceiro nacionalista que estes labores non foron acompañados “da recollida do lixo amoreado nas beiras, antes oculto pola maleza e agora á vista de todas e todos os peóns que percorren estes lugares”.

Para Jorquera, “o abundante lixo amoreado nalgúns lugares, alén dunha mostra de comportamento incívico e dunha falla de cultura ambiental que cómpre atallar, constitúe un auténtico atentado paisaxístico e medio ambiental”.

“Vai dar instrucións para que se proceda de inmediato á súa retirada e tratamento?”, pregúntalle ao Goberno Local.

O portavoz do BNG pon o foco tamén en que nas rozas non houbo un tratamento diferenciado para as plantas invasoras, singularmente no que ten a ver coa coñecida como “herba das Pampas” ou “plumacho”.

“Procedeuse a razoar sen máis, o cal só contribúe a esparexer aínda máis a semente e facilitar a propagación destas plantas que danan a nosa paisaxe e ameazan a flora autóctona”, sinala.

A este último respecto, Jorquera inquire o Goberno Local sobre se existe un seguimento por parte do Concello da proliferación de plantas invasoras no noso termo municipal e, en caso afirmativo, se existe un plan visando a súa erradicación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.