O BNG pregúntalle ao Goberno local pola talla dun castiñeiro na Avenida Salvador de Madariaga

“Nas nosas avenidas e rúas son escasas as árbores caducifolias que fan que a paisaxe urbana se vaia transformando ao ritmo das distintas estacións”

Segundo puido saber o grupo municipal do BNG, recentemente procedeuse á corta dun castiñeiro na Avenida Salvador de Madariaga, á altura do Centro Comercial de Elviña.

Esta circunstancia leva o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, a dirixir unha pregunta por escrito ao Goberno Local sobre as razóns que motivaron a talla desta árbore.

“En caso de que a árbore estivese enferma, non cabía outra solución?”, inquire o voceiro nacionalista, quen se interesa por saber se está prevista a corta de máis exemplares de castiñeiro na Avenida Salvador de Madariaga ou noutros pontos da cidade.

Na exposición de motivos desta iniciativa, reflexiona Jorquera sobre que “na nosa cidade, o número de zonas verdes continúa a ser insuficiente e nas nosas avenidas e rúas son escasas as árbores caducifolias que fan que a paisaxe urbana se vaia transformando ao ritmo das distintas estacións”.

En todo caso, o BNG quer saber se o Concello leva un control regular do censo de árbores que existen na nosa cidade.

“Unha cidade con abondosas zonas verdes, con árbores nas súas rúas e avenidas e dotada dunha extensa rede de parques e xardíns é unha cidade máis saudábel e respeitosa co medio ambiente, unha cidade que proporciona máis calidade de vida aos seus habitantes”, conclúe Jorquera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.