O Goberno de Lugo executa operacións de mantemento na rede de alumeado público

Rubén Arroxo: «Nas últimas semanas actuouse no barrio da Cheda, que contaba con lámpadas que estaban próximas a  esgotar a súa vida útil»

A área de Infraestruturas do Concello de Lugo realizou nas últimas semanas unha serie de operacións de mantemento da rede de alumeado público no barrio da Cheda. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo explicou que «estas actuacións realízanse de xeito periódico segundo vaia sendo necesario actuar nas distintas zonas ao ir chegando as lámpadas do alumeado público ao final da súa vida útil».

O Tenente Alcalde destacou o traballo realizado pola área de Infraestruturas no mantemento e renovación da rede de alumeado público municipal. No barrio da Cheda, está previsto substituír 64 lámpadas, que se unen ás distintas actuacións realizadas nos últimos dous anos que contaron cun investimento de máis de 2.5 millóns de euros adicados a renovar a rede de alumeado e a mellorar a eficiencia enerxética, ademais de reducir as zonas escuras da cidade, mellorando a seguridade da veciñanza durante as noites.

Nos últimos dous anos a área de Infraestruturas renovou o alumeado en máis de 10 zonas da cidade, instalando novas luminarias en rúas como a avenida Filharmónica Lucense, que non contaba con alumeado público, e reducindo a cantidade de luminarias con elementos contaminantes, como o vapor de sodio ou de mercurio instaladas na cidade. Desde a área de Infraestruturas continúase a investir na renovación da rede de alumeado, con distintos proxectos postos en funcionamento por toda a cidade, como a renovación do alumeado de Montirón, en proceso de contratación ou a renovación do barrio da Residencia e o grupo da Paz, que está próximo a comezar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.