O obradoiro de emprego Camiño de Santiago I reforza a promoción turística de Palas de Rei, Monterroso e Portomarín

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que a Xunta destina 353.000 euros a esta iniciativa, que tamén traballa no embelecemento de zonas verdes

O obradoiro de emprego Camiño de Santiago I contribúe a reforzar a promoción turística dos concellos participantes, Palas de Rei, Monterroso e Portomarín, coa elaboración ou actualización de guías informativas acerca dos principais recursos de cada municipio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou aos alumnos que realizan esta función en Portomarín -acompañado do alcalde, Juan Serrano, entre outros- e destacou a importancia de “ordenar a información turística e presentala de forma útil, accesible en diversos formatos e con todos os datos de interese para que resulte fácil moverse polo territorio”.

Arias gabou o acerto do obradoiro de “reforzar a atención ao visitante e impulsar o embelecemento dos espazos públicos para aproveitar ao máximo este Xacobeo bianual”. Neste sentido, lembrou que tamén traballaron no acondicionamento dunha decena de zonas verdes e xardíns nos tres municipios.

O delegado sinalou que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste 353.000 euros nesta iniciativa, que rematará a mediados de setembro e entra na súa recta final coa gran maioría dos proxectos concluídos.  Tras superar o período de aprendizaxe teórica e práctica, os 20 alumnos traballadores recibirán o certificado de profesionalidade oficial que os acredita para exercer o oficio en calquera parte do Estado.

A Consellería resolverá proximamente as axudas para a posta en marcha de novos obradoiros duais, que ofrecen aos participantes experiencia laboral a través dun contrato de traballo en profesións con boas perspectivas de empregabilidade; para os concellos promotores supoñen a posibilidade de acometer obras e servizos de interese social en beneficio da comunidade.

Apoio ao 100% das solicitudes

A Xunta decidiu ampliar en preto dun 50% o orzamento da convocatoria deste ano destinada aos obradoiros duais de emprego para poder atender a totalidade das solicitudes recibidas. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará esta ampliación nos próximos días, polo que a Administración autonómica investirá finalmente nestes programas 34,2 millóns de euros.

Así mesmo, está a traballar para estender a convocatoria de axudas dos obradoiros de emprego ás empresas galegas, xa que a formación para o emprego é unha prioridade para o Goberno galego, á que destina este ano 152 millóns de euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.