O Parlamento Europeo perde a paciencia coa Mina San Finx

9 eurodeputados demandan o inicio dun procedemento de infracción contra España. As verteduras constantes con metais pesados poñen en risco a ría de Noia

Logo dunha ducia de preguntas parlamentarias e varias queixas e peticións en Bruxelas, 9 eurodeputados dos Verdes lanzaron, a proposta de Ecoloxistas en Acciónunha interpelación maior á Comisión Europea para que inicie un procedemento de infracción contra España polas verteduras con metais pesados procedentes da mina San Finx, na Galiza. As consecuencias poderían ser millonarias.

E é que as verteduras desta histórica mina de estaño e volframio, propiedade do Grupo Sacyr, véñense denunciando repetidamente ante as institucións europeas desde 2016, de forma paralela a accións xudiciais e administrativas en España por parte de ecoloxistas e colectivos locais, sen que até o momento se adoptase medida ningunha por parte das autoridades responsábeis.

A mina atópase a tan só 7 km do espazo da Rede Natura 2000 «Esteiro do Tambre» e dos ricos bancos de marisqueo da ría de Noia, o que motivou esta acción extraordinaria a nivel europeo, dado que o parlamento apenas tramita 30 interpelacións ao ano. Neste caso, as verteduras representan unha clara vulneración da directiva marco da auga e da directiva hábitats, mais tamén é notoria a ausencia de avaliación de impacto ambiental para unha actividade con consecuencias sobradamente coñecidas.

O ‘negacionismo’ da Xunta de Galicia

Lonxe de atallar o problema, o goberno galego optou por negalo, impedindo unha solución. Ante os informes dos propios funcionarios do departamento de minas nos que indican que a actividade mineira debe ser suspendida até que un novo proxecto sexa sometido ao preceptivo trámite de avaliación ambiental, a Xunta decidiu acelerar o proceso para que a mina poida retomar a actividade en cuestión de meses.

Así o confirmaba a cúpula do executivo galego nunha reunión celebrada este luns 26 en Santiago coa presenza do Vicepresidente Segundo, a conselleira de Infraestruturas, a conselleira do Mar e as directoras do departamento de minas, de Aguas de Galicia e do INTECMAR, organismo responsábel pola calidade dos bivalvos.

A Xunta quere así dar luz verde a unha autorización de verteduras que se leva tramitando con numerosas irregularidades desde 2016, sen adoptar ningunha medida para impedir que a contaminación se continúe a producir, o que implica a inxección constante de cantidades significativas de cadmio, cobre e zinc ao río contiguo á explotación.

Tamén se pretende librar á concesionaria mineira, propiedade de Valoriza Minería (a mesma empresa que está detrás dos polémicos proxectos mineiros de Cáceres e Alconchel), das súas responsabilidades sobre unhas presas de residuos mineiros que a Xunta intentou facer pasar por presas con fins hidroeléctricos, o que lles custou a imputación a tres funcionarios e altos cargos, entre eles o anterior director xeral de minas, Ángel Tahoces.

Investigación paralela da Oficina Europea contra a Fraude

O Parlamento Europeo non é a única fronte aberta que ten a Comisión coa mina San Finx. A Oficina Europea contra a Fraude (OLAF) tamén abriu un caso sobre a propia actuación da Comisión Europea en relación a esta explotación mineira.

De novo a instancias de Ecoloxistas en Acción, a OLAF está determinando se a financiación europea outorgada a Valoriza Minería para facer ensaios na mina San Finx, e que implicou intensificar as verteduras ilegais, podería ter implicacións para os funcionarios da Unión responsábeis deses fondos e coñecedores da falta de permisos ambientais.

Ecoloxistas denunciou como financiamento procedente dos fondos Horizonte 2020 se canalizou para pagar o salario do director da mina, así como para investigacións xeolóxicas que se realizaron en plantas supostamente inundadas da explotación, mais que se desaugaron por bombeo forzado entre 2016 e 2020 malia non existir autorización de verteduras. A Xunta de Galicia era igualmente coñecedora destes feitos, mais non actuou, permitindo que a situación continuase até a actualidade.

Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción: «O caso da mina de San Finx é un exemplo de como no Estado español proliferan as explotacións mineiras que buscan engordar a súa conta de explotación a base de incumprir a regulación. As administracións non poden seguir consentindo esta situación, deben actuar ante as agresións ao medio ambiente».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.