O XCO Kiwi Atlántico puxo o broche á Copa Galicia con master class de Lara Lois e Iván Feijoo

Cunha estrea no calendario baixouse o pano da Copa Galicia de Cross Country Olímpico 2021. A primeira edición do XCO Kiwi Atlántico coroou este pasado fin de semana en Ribadumia aos doce gañadores dos rankings deste certame autonómico e ofreceu dúas master class nas probas raíñas, unha da elite Lara Lois (Extol MTB Team) e outra do sub23 Iván Feijoo (BH Templo)

Despois de non poderse celebrar no 2020 por mor da pandemia, a Copa Galicia XCO reactivouse este ano cun calendario composto por catro eventos. Comezou na Cañiza, pasou por Cambre e Maceda, e concluíu na proba organizada polo Club Ciclista Ribadumia. A cita na comarca do Salnés reuniu a 180 participantes nun trazado cunha porcentaxe de pistas forestais máis alta do habitual nesta especialidade do BTT, debido aos permisos recibidos de Medio Rural.

A xornada arrancou con tres carreiras na primeira quenda de saídas. O líder máster-40 Alejandro Trasbach (Xesteiras) e o máster-50/60 Manuel Castro (Barbanzabike) rubricaron os seus títulos na Copa impoñéndose no circuíto deseñado ao carón da empresa que patrocinou esta competición, mentres que o cadete Tomás Pombo (Cambre) venceu nun final axustado a André Martínez (Avanza-O Porriño) e desbancou do primeiro posto da clasificación xeral a Martín Sestelo (Avanza-O Porriño).

Pleno de vitorias

A actual dominadora do XCO galego compareceu no segundo bloque de carreiras. Lara Lois selou un pleno de vitorias nesta edición da Copa cruzando a liña de meta cun tempo de 1 hora 24 minutos e 47 segundos. A grovense do Extol MTB Team superou con moita comodidade a outras dúas corredoras da categoría Elite: Diana Blanco (Bicicletas Chinquena) e Desiree Fernández (Rsbike Boiro), segunda e terceira respectivamente.

Outro dobre éxito, triunfo en Ribadumia e na Copa, asinouno Laura Mira (Avanza-O Porriño) nas juniors e as súas compañeiras de equipo coparon os podios cadetes. Nun duelo fratricida a tres bandas, Uxía Soto adxudicouse a vitoria parcial e superou na xeral a Aroa Otero, que chegaba como líder. Terceira en ambas clasificacións rematou Marta Estévez.

En canto ás másters, Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) foi a máis rápida no circuíto do Salnés e Silvia García (Bici Verde) conservou o primeiro posto no ranking. A nómina de campioas da Copa completouna a sub23 Noela Saa (Academia Postal – Abanca).

Triunfos sen títulos

Tampouco houbo sorpresas nas competicións masculinas desta segunda quenda, cos favoritos cumprindo os prognósticos. A clase maxistral entre os homes correu a cargo de Iván Feijoo. Cun rexistro de 1:25:55 obtivo o seu terceiro triunfo desta campaña no certame galego.

A 1 minuto e 36 segundos do sub23 alaricano terminou Saúl López (Academia Postal – Abanca), gañador entre os elites, e a terceira posición absoluta serviulle a Estefan González (Burgas Bike) para manter o maillot de líder e proclamarse vencedor Elite da Copa. Do mesmo xeito, Andrés Valcárcel (Monforte) fíxose co título sub23 sendo o seguinte en alcanzar a meta xunto ao elite Jorge Punzón (Cosmos).

Os vixentes campións autonómicos júnior e máster-30 tiñan opcións moi remotas de vestirse na última xornada coas camisolas da Copa. Ambos venceron en Ribadumia, pero non lles bastou para sumar tantos puntos como os líderes. Miguel Rodríguez (Ponteareas) exhibiuse nos xuvenís, con Gabriel Conde (Avanza-O Porriño) defendendo con éxito o seu primeiro posto na xeral. Pola súa banda, Manuel Ángel Parada (Xesteiras) bateu por 8 segundos a Rubén Deaño (Ourense Termal), que certificou o seu primeiro posto no ranking máster-30.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.