Podemos Galicia prepara mocións municipais para que os concellos se comprometan a acoller refuxiadas afgás

A formación pídelle á Xunta que lle solicite á Sareb a cesión de vivendas para dar asilo a refuxiadas

Trala crise humanitaria que está a vivir Afganistán polo regreso ao poder dos talibán e por consecuencia, a fuxida de civís que se ven forzados a emigrar, Podemos Galicia presentará mocións municipais para que os concellos se declaren como cidades ou vilas de acollida para refuxiadas afgás.

O responsable de Municipalismos de Podemos Galicia, Manuel Nogueira, alegou que “a política migratoria ten que ser preventiva, debe evitar as crises humanitarias e migratorias e ir á raíz do problema. Os países de acollida teñen que estar preparados para protexer á poboación que escapa dos seus fogares por medo con medidas urxentes para a súa protección e asilo. Galicia non pode deixar de lado a Afganistán, temos recursos para axudarlles e esiximos responsabilidade aos gobernos locais e a Feijóo”.

“A situación actual en Afganistán é un reflexo do fracaso das políticas da OTAN na zona durante moitos anos. O abandono de EE.UU. e dunha Europa continuista e sen criterio propio deixan ao pobo afgán a mercé dos talibán. É o momento de reorientar a política exterior da UE cara á autonomía estratéxica para definir e defender os nosos propios intereses onde se protexa a vida e se defendan os dereitos deste pobo”, alega Podemos Galicia na moción.

Co dominio militar dos fundamentalistas, os dereitos das mulleres e dos infantes están a ser vulnerados pola restauración da lei islámica, lastrando as oportunidades dun futuro digno e violentando as súas vidas dende a misoxinia e a barbarie. “No que vai de 2021, nas zonas controladas polos talibáns, 219 mulleres e 468 crianzas sufriron unha morte violenta”, recolle a moción.

Podemos Galicia esixe con esta iniciativa que os Gobernos locais se dirixan á Xunta de Galicia para que a mesma se comprometa a auxiliar ás persoas refuxiadas afgás, así como para que lle solicite á Sareb a cesión de vivendas para poder acollelas. “As administracións deben aportar recursos ante esta catástrofe humanitaria que está sufrindo Oriente Medio. Un drama que xa se está cobrando a vida de cidadáns que saen a manifestarse. Precisamos loitar todas xuntas contra esta barbarie, ser solidarias e defender a vida e os dereitos humanos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.