Reclaman a revisión das autorizacións municipais para a celebración do Morriña Festival

«Tras telo solicitado durante meses, o BNG puido comprobar que no momento de ter acceso ao expediente non existía licenza municipal asinada polo Alcalde para a celebración do Morriña Festival»

Nos últimos meses o BNG de Culleredo veu preguntando ao Goberno municipal polas condicións para a celebración do Morriña Festival, anunciado desde o mes de xuño para a segunda quincena do mes de agosto no Paseo Marítimo do Burgo. Finalmente o goberno municipal autorizou o acceso ao correspondente expediente entre os días 16 e 17 de agosto, escasas horas antes do inicio do festival. Na revisión da documentación incluída no expediente, os concelleiros nacionalistas puideron comprobar como non se inclúe licenza asinada polo Alcalde para esta actividade.

«Do mesmo xeito, non se recolle o preceptivo informe do servizo municipal de medio ambiente que tería que ter verificado que se dan as condicións para poder celebrar este evento nese lugar e nas condicións propostas, máxime na situación de afectación de pandemia por COVID19 no noso concello nestes días».

«Calquera actividade debe contar coa correspondente licenza, que garanta que se dan as condicións para salvagardar os intereses públicos perante calquera situación que puidese ocorrer durante a celebración do evento, por iso o BNG volveu rexistrar esta semana un escrito de solicitude para que o goberno municipal acredite a existencia de licenza, sen ter resposta até agora» denuncian.

Por todo isto, o BNG de Culleredo ten solicitado á Dirección Xeral de Saúde Pública, responsable da normativa aplicable a este tipo de eventos durante o período de pandemia, «que exerza o seu labor de inspección da tramitación e execución das autorizacións pertinentes para a celebración deste festival».

«Non pode ser que a hostalería teña unhas restricións de esixencias altísimas mentres se consinte que se celebre un evento que move miles de persoas durante varios días, sen que se poidan acreditar que se cumpriron todos os trámites necesarios para a súa autorización».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.