Simplemente… Xoga. por @DulceCorcu

Nun tempo onde a palabra «xogo» admite moitas máis acepcións que as habituais que supoñen exercicio e actividade física, ás que ata fai pouco asociabamos a diversión, non deixa de ter mérito a aposta por novos proxectos de escolas deportivas como a que vén de crear o Concello de Camariñas, coa novidade de facela baixo o mesmo escudo e non dispersa en catro clubes distintos como acontecía ata agora. O escollido para dirixila non é outro que o mítico xogador da vila Juan Cabrejo, que retorna ás súas orixes para ensinar todo o aprendido nos seus anos de xogador nómada en equipos coma o Compostela, Elxe ou Cartaxena, entre outros.

Unha escolla nada difícil, pois poucos poden acreditar unha experiencia similar á de Cabrejo, camariñán de berce e sentimento que pon toda a ilusión nun proxecto que verá a luz a mediados de setembro, cando dean comezo os adestramentos e o balón rode de novo polo «Hermanas Patiño». Despois dunha campaña de captación nas redes sociais da propia escola onde primaron os vídeos dos propios nenos e nenas anotados, o futuro futbolístico de Camariñas parece chamado a ser un éxito debido ao alto número de inscritos a poucas horas de que remate o prazo. O esforzo do Concello e resto de implicados foi definitivo para esta posta en marcha encamiñada a reencontrarse cun talento marca da casa, escenificado en xogadores que fixeron historia sempre co nome de Camariñas tatuado no corazón, nun orgullo que comparten tantos dos nados baixo a perenne luz de Cabo Vilán.
Juan Cabrejo foi un deses nenos criados xogando á pelota, cando xogar era estar na rúa e patear sen descanso esa pequena Corea onde despois reinaría convertido en fillo pródigo. Agora, o futuro pasa por formarse técnicamente, por adaptarse a unha disciplina onde o compañeirismo e o compromiso co equipo sexan imprescindibles pero, moi especialmente, dirixida a que se xogue. A que a rapazada trote libre sobre o céspede mentres na casa, desenchufados, quedan os aparellos que sobre un campo de fútbol ninguén bota de menos. Trátase, simplemente…de que xoguen.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.