Sinerxías nos montes galegos para detectar condutas e presuntos incendiarios

Máis do 70% do territorio galego está vixiado por cámaras de última xeración coas que se poden ver condutas incendiarias e ata matrículas de vehículos

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ata o concello ourensán de Monterrei para supervisar os traballos de vixilancia e disuasión nos montes galegos por medio de drons e outros aparellos non tripulados. No acto tamén participou o xeneral Luis Cortés, xefe da Brilat e da Operación Centinela Gallego.

Neste senso, José González advertiu que a Xunta está a sumar sinerxías co despregamento de medios humanos e tecnolóxicos na nosa comunidade, co fin de ter o terreo vixiado e detectar así condutas e presuntos incendiarios. Sinalou que “son moitos os ollos -humanos e tecnolóxicos- que temos sobre o terreo para anticiparnos aos lumes” e advertiu aos incendiarios que se continuarán intensificando os esforzos “para que caia sobre eles todo o peso da lei e para que teñan que afrontar, tamén, os gastos de extinción dos incendios”.

Así, o conselleiro lembrou que o Goberno galego conta actualmente con 12 drons para tarefas de vixilancia, prevención e detección de incendiarios. A estes hai que sumarlles os que aporta o Exército, dentro da Operación Centinela Gallego. Ademais, subliñou o titular de Medio Rural, máis do 70% do territorio galego está vixiado mediante cámaras de última xeración, coas que incluso se poden ver condutas incendiarias e ata matrículas de vehículos.

Nesta liña, José González advertiu que, ademais de medios tecnolóxicos, tamén están despregados medios humanos polo territorio galego, entre os efectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta (SPIF) e as patrullas a cabalo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e as do Exército, que fan un importante labor disuasorio.

Un labor, engadiu o conselleiro, que se ve complementado coa colaboración doutras administracións, efectivos de Emerxencias e Protección Civil e da propia cidadanía, que ten á súa disposición o teléfono 085 para avisar dos lumes e o 900 815 085 para informar de posibles actuación delituosas incendiarias.

Precisamente, matizou o titular de Medio Rural, grazas a todo ese esforzo de medios humanos e materiais, o 87% dos incendios rexistrados nesta tempada de alto risco quedaron en conatos, o que evidencia a profesionalidade de todos os medios implicados na loita contra os lumes tanto na detección como na extinción dos mesmos.

Investigación de incendios

Así, todos estes lumes, engadiu José González, son investigados polo SPIF para aclarar as causas dos mesmos -e así poder atallalas con maior eficacia- e loitar contra a actividade delituosa incendiaria. Neste senso, o conselleiro puxo en valor a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), creada este ano, que está integrada por 15 membros da escala de axentes ambientais desvinculados das tarefas de extinción e que se dedican especificamente á investigación dos incendios.

Así, o conselleiro resaltou que, grazas a esa dedicación en exclusiva, a UIFO pode focalizar o seu labor naquelas zonas do territorio máis afectadas en períodos de alto risco ou en situación de alta actividade incendiaria. Neste mesmo sentido, o titular de Medio Rural destacou que outras vantaxes desta unidade teñen que ver coa especialización deste persoal tanto no propio traballo sobre o terreo como na tramitación administrativa e xudicial dos procedementos, así como a posibilidade de deseñar e impartir unha formación especializada en materia de investigación sobre incendios forestais.

O estudo e seguimento das parroquias que rexistren unha alta actividade incendiaria, o incremento do número de detencións de presuntos incendiarios ou a mellora no coñecemento das causas e motivacións dos lumes son outras das consecuencias positivas que trae a posta en marcha da UIFO, segundo salientou José González.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.