Tristan Le Govic Trio chega ao VIII Noia Harp Fest este xoves

Os conxuntos formados por Davide Burani & José Antonio Domené e Aiste Bruzaite & Pedro Lamas ofrecerán tamén os seus directos durante a segunda xornada do festival

A vila de Noia continúa coa programación do Noia Harp Fest, a única cita arpística do noroeste ibérico, que estase a celebrar esta semana na localidade galega. Mañá, xoves, 5 de agosto, Tristan Le Govic -en formato trío- e os conxuntos formados por Davide Burani & José Antonio Domené e Aiste Bruzaite & Pedro Lamas serán os encargados de amenizar a singular viaxe musical que por segundo día propón o festival. A oitava edición do Certame Internacional de Arpa Vila de Noia extenderase ata o venres 6 de agosto, coa participación de figuras de Italia, Bretaña, Lituania, Francia, Paraguai, Galicia, Euskadi, Cataluña e Andalucía, cun programa no que teñen cabida concertos de música clásica, o flamenco, o folk e mesmo a vangarda, ademais de clases maxistrais cos artistas.

VIII NOIA HARP FEST

AXENDA DO XOVES 5 DE AGOSTO


Clase maxistral ‘Música letona para kanklés’ con Aiste Bruzaite (Lituania)
11.30h | Santa María A Nova
A arpista impartirá un obradoiro gratuíto do instrumento. O acceso á clase maxistral é de balde, previa reserva na web oficial do certame, www.noiaharpfest.gal.  

Concerto de Davide Burani & José Antonio Domené (Italia & España) 

19.45h | Xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre
Os arpistas italiano e español reúnense por primeira vez en 2016 para realizar transcricións de ópera do século XIX. Desde entón, colaboran con orquestras sinfónicas e participan en varios festivais, amosando a refinada técnica e o perfecto equilibrio como grupo.

Concerto de Aiste Bruzaite & Pedro Lamas (Lituania & Galicia)

22.00h | Praza do Tapal

O kanklės é un instrumento de corda popular lituano tradicional. O son prodúcese cubrindo (silenciado) cordas innecesarias cunha man mentres se toca e pulsa as outras cordas cos dedos da outra man. Aiste Bruzaite acompáñase neste recital do músico galego Pedro Lamas.

 

Tristan Le Govic Trio (Bretaña) 

23.00h | Praza do Tapal

Tristan é recoñecido particularmente polo seu estilo de ritmo e harmonía, apreciado por público e crítica. Cantante, contacontos e músico virtuoso, crea o seu repertorio tanto na tradición como coas súas propias composicións. O seu mundo abre as portas dunha extraordinaria diversidade rítmica e melódica

O VIII NOIA HARP FEST

Baixo a batuta do director artístico Rodrigo Romaní, o VIII Noia Harp Fest inclúe concertos gratuítos para o público, ao aire libre, de intérpretes de arpa destacados, cunha pluralidade estilística moi variada, para que o público poida gozar de propostas de calidade e descubrir talentos musicais. Estilos como a música clásica, as creacións populares europeas e latinoamericanas, a vangarda contemporánea, o folk ou o flamenco forman parte do festival.

A arpa constitúe o eixe vertebrador dun certame cuxo cartel inclúe arpistas e intérpretes de sona, como a italiana Marianne Gubri, o bretón Tristan Le Govic -quen estará en Noia en formato trío-, a andaluza Ana Crisman ou mesmo agrupacións como a vasca Basabi, formación con interese na difusión da txalaparta e da que forma parte a coñecida arpista Alicia Griffith; ou o tándem conformado polos arpistas Davide Burani e José Antonio Domené. Outro dúo, Formiga e Cigale, de orixe francesa e catalá, explora a música folk a través da arpa celta e do violín; mentres que o trío Ysando fusiona a tradición musical paraguaia e latinoamericana con composicións propias. Con todo, nesta edición do Noia Harp Fest tamén están presentes, como é habitual, os músicos galegos. É o caso de Pedro Lamas. O creador e compositor acompaña a Aiste Bruzaite nun concerto de kanklès, un singular instrumento de corda popular lituano moi popular neste país e na súa contorna.

A VIII edición do Noia Harp Fest conta cun circuíto de escenarios conformado pola xa tradicional Praza do Tapal, onde se desenvolverán os concertos nocturnos, e Santa María da Nova, que acollerá os obradoiros e clases maxistrais que impartirán as artistas participantes. Este 2021, o Noia Harp Fest incorpora, ademais, un novo escenario a ceo aberto, os xardíns da Central Hidroléctrica do Tambre, coa intención de poñer en valor a estreita relación entre o patrimonio musical e o arquitectónico, ao tempo que celebra e visualiza os monumentos do territorio no que se desenvolve. Nestes xardíns da Central Hidroléctrica do Tambre atópase o edificio modernista deseñado polo recoñecido arquitecto Antonio Palacios (autor de obras como o Palacio de las Telecomunicaciones de Madrid ou Círculo de Bellas Artes da mesma cidade) e, ao abeiro deste monumento da arquitectura industrial, celebraranse os concertos acústicos en horario de tarde, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.

INFORMACIÓN SOBRE AS ENTRADAS

O VIII Noia Harp Fest conta con todas as súas entradas reservadas desde unha semana antes do seu inicio. Con todo, o certame mantén activa unha lista de agarda por se fose posible acceder aos recintos e gozar, gratuitamente, da música. A  este respecto, a organización pide que todas aquelas persoas que teñan a súa entrada confirmada e que, finalmente, non poidan asistir, avisen con antelación ao correo programacionconcellodenoia@gmail.com para que o equipo do Noia Harp Fest poida contactar con tempo coas persoas que se atopan nesta lista de espera. Tanto a dirección do festival como o Concello de Noia lembran ao público que, para garantir o goce seguro da proposta, a máscara será de uso obrigatorio durante os concertos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.