119 comerciantes e obradoiros artesanais de Lugo poderán dixitalizar e modernizar os seus negocios con axudas da Xunta

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación facilita a adaptación do comercio ás vendas electrónicas para incrementar a competitividade

A Xunta de Galicia concedeu 640.900 euros a un total de 119 comerciantes e obradoiros artesanais da provincia de Lugo, que mobilizarán 805.300 euros en actuacións para impulsar a estratexia dixital e a modernización dos seus negocios.

En concreto, 106 comerciantes e 13 titulares de obradoiros artesanais porán en marcha 128 actuacións que posibilitarán ofrecer unha experiencia de compra única aos seus clientes, adaptada ao novo consumidor dixitalizado e exixente.

As axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación contan con dúas liñas. A primeira está destinada á dixitalización comercial e supón  practicamente o 80% dos apoios solicitados na provincia, sumando 101 actuacións entre as que destacan a implantación de xestores de redes socias, a creación de páxinas web con venda en liña, a realización de publicidade en medios dixitais ou a mellora da imaxe dixital.

A segunda liña, con 27 actuacións subvencionadas en Lugo, está destinada á adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal, como maquinaria e ferramentas que melloren o deseño e calidade do produto final.

Estas axudas enmárcanse nas medidas que a Xunta de Galicia está adoptando co obxectivo de que o sector comercial poida adaptarse aos novos hábitos de consumo, como o comercio electrónico, así como a outras canles de comercialización, como as redes sociais, o que se traduce nunha maior competitividade do sector e un aumento das súas vendas.

Bono Activa Comercio

De xeito paralelo, o Goberno galego puxo en marcha este ano o Bono Activa Comercio, un proxecto de dinamización das vendas de proximidade que xa leva mobilizado 20M€ grazas aos bonos descargados por 220.000 persoas que poden usar o seu desconto de 30 euros en máis de 5600 establecementos da Comunidade. Por provincias, A Coruña mobilizou preto dun 39% das vendas, Pontevedra un 32%, Ourense un 15% e Lugo un 14%. Os produtos máis vendidos correspóndense con prendas de vestir, calzado, carteiras, bolsos, xoguetes, artigos de deporte, libros, así como aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

Os clientes que aínda non conten co seu bono poden rexistrarse na web, descargalo e facer uso do mesmo ata o próximo 31 de outubro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.