A Casa das Ciencias e a Domus reabren as súas salas de exposicións interactivas

A alcaldesa da cidade, Inés Rey, cualificou a reapertura como “unha boa nova para a total recuperación dunha das nosas señas de identidade” como é a rede dos Museos Científicos coruñeses

A Casa das Ciencias e a Domus reabren o próximo martes, 28 de setembro, as súas salas de exposicións interactivas para as visitas do público, despois da flexibilización das restricións derivadas da pandemia da Covid-19 que atañen aos museos.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, cualificou esta reapertura como “unha boa nova para a total recuperación dunha das nosas señas de identidade” como é a Rede dos Museos Científicos. “Os Museos Científicos son parte do que nos define como cidade e confírenlle á Coruña eses matices que a fan diferente”, apuntou Rey.

Co obxectivo de garantir o control das capacidades, é necesario que para realizar unha visita a estes espazos municipais as persoas interesadas reserven a súa entrada na plataforma en liña habilitada para tal fin.

Desde a rede dos Museos Científicos coruñeses informan de que o sistema de reservas seguirá sendo o mesmo que se estaba a empregar para o Aquarium Finisterrae desde a súa reapertura, que permite o acceso por tramos horarios ás instalacións. A duración da visita non estará limitada. As direccións para realizar as reservas estarán dispoñibles próximamente na páxina web dos Museos Científicos.

Inicio do curso escolar nos Museos Científicos Coruñeses

Ademais, a partir do luns 4 de outubro, comezará a campaña do curso escolar nos Museos Científicos Coruñeses coa apertura das reservas para os grupos educativos que poderán gozar das exposicións e actividades que se programaron para este curso.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.