A Deputación coruñesa presenta a comarca do Eume ao programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino

O vicepresidente, Xosé Regueira, mantivo unha xuntanza con representantes dos concellos de As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela para avaliar os principais eixos do proxecto técnico que presentará á convocatoria do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo

O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, mantivo esta mañá unha xuntanza con representantes dos cinco concellos da comarca do Eume para avaliar os principais eixos do proxecto que presentará á convocatoria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino. Na xuntanza participaron tanto concelleiros e concelleiras como técnicos e técnicas de Turismo e representantes do sector privado e do tecido asociativo dos concellos de As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela.

Tras a xuntanza desta mañá, a Deputación presentará o proxecto á convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade que convoca o Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, e que se financiará con fondos de recuperación europeos -os denominados Next Generation-.

Xosé Regueira explicou que o proxecto técnico inclúe tanto o ámbito do parque natural Fragas do Eume como outros recursos de carácter natural e patrimonial da comarca e cualificouno como «un proxecto ben estudado e xa totalmente deseñado para implantar no territorio», ao tempo que asegurou que «estamos en disposición de acompañalo nunha candidatura potente». A avalización do investimento total no territorio en todas as accións previstas nos catro eixos que inclúe a memoria técnica sitúase en torno a 3.900.000 euros.

Neste sentido, o vicepresidente tamén afirmou tras a xuntanza que a comarca do Eume «ten un potencial turístico enorme pero está nun proceso de desindustrialización complexo e, polo tanto, necesita tamén novos alicientes económicos para seguir xerando dinámicas positivas para a economía».

Os catro eixos que se inclúen na memoria técnica recollen intervencións concretas enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio; incorporar a sustentabilidade e a dixitalización ao proxecto turístico e económico que se quere implantar; diversificar a oferta no ámbito turístico así como no ámbito cultural e no das novas tecnoloxías; e garantir que o capital natural do sistema turístico vai tender á perennidade, é dicir, que non se vai distorsionar a sustentabilidade dun entorno tan sensible como é a propia Fraga nin os usos de carácter natural que deber este ecosistema.

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.