A Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a frear os recortes en educación e os peches de aulas e colexios

O pleno aproba unha moción de apoio aos traballadores da antiga Alcoa e insta ao Goberno e Consellería de Industria a marcar “unha folla de ruta para a súa viabilidade futura”

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, con 15 votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e 13 votos en contra do PP unha moción de Marea Atlántica instando á Xunta de Galicia a frear os recortes na educación pública e os peches de aulas e colexios.

O texto aprobado pola corporación provincial respalda as reclamacións de gran parte do profesorado e ANPAS sobre os recortes que afectan ao sistema educativo en Galicia.

“Feijoo leva pechado 138 centros públicos de ensino desde a súa chegada á Xunta de Galicia en 2009, pese a que o número de almunado matriculado ascendeu un 8%. Nestes anos, o orzamento de Educación da Xunta reduciuse en 113 millóns de euros, amosando unha aposta decidida por desmantelar o sistema público de educación”, afirma o texto da moción.

A Deputación lembra que ANPAS e centrais sindicais veñen advertindo de novos peches, como o da escola de Pino de Val (Mazaricos) e recortes, coa supresión de 127 aulas de educación infantil, primaria e especial e ata 150 docentes menos en educación secundaria, rebaixando así o persoal non só respecto ao curso pasado, marcado pola pandemia, senón tamén respecto ao curso 2019/2020.

Apoio aos traballadores da antiga Alcoa

O pleno aprobou tamén cos votos favorables de todos os grupos políticos unha moción de Marea Atlántica sobre a situación que atravesa a antiga Alcoa e en apoio aos traballadores, que seguiron o pleno desde a sede da institución provincial.

O pleno da Deputación manifesta o seu apoio e solidariedade coa plantilla de traballadores e traballadoras da empresa e solicita a Ministerio de Industria, Ministerio de Transición Ecolóxica, Consellería de Industria da Xunta de Galicia, administrador xudical e Concello da Coruña “que se reúnan, á mellor brevedade posible, co comité de empresa para marcar a folla de ruta para a súa viabilidade futura”.

Declaración institucional de apoio ao pobo afgán

O pleno aprobou tamén unha declaración institucional manifestando o seu apoio ao pobo Afgán tras a toma do poder por parte dos talibáns “que consternan e inquedan por canto poidan ser a antesala da volta a un réxime represivo histórico neste país asiático, que supón unha especial ameaza para a integridade das mulleres e as nenas”.

“Os dereitos das mulleres deben ir nunha soa dirección, que é cara adiante”, polo que “deben protexerse os dereitos gañados con tanto esforzo”, reza o texto da declaración, que reclama que a cidadanía afgá “poida participar dunha convivencia pacífica e respectuosa con todas as crenzas relixiosas, opinións políticas e decisión de vida”.

Toma de posesión de deputados do Grupo Popular

No pleno de hoxe tomaron posesión seis novos deputados provinciais do Grupo Popular: Valentín Alfonsín Somoza (concelleiro en Dodro), José Francisco Santos (concelleiro en Cerceda), Ignacio Codesido (alcalde de Touro), Antonio Deibe (alcalde de Irixoa), José Javier Pego (concelleiro en Porto do Son) e José Luís Pérez Añón (alcalde de Laxe).

Deixan a súa acta de deputados/as provinciais Antonio Fernández Angueira, José Luis Fernández Mouriño, Dalia García Couso, Pablo González Cacheiro, Beatriz Molinos Vidal e José Muíño Rodríguez.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.