A Limia, unha comarca de referencia agrogandeira en Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na inauguración de Alimagro 2021, II Feira do Agro da Limia

Neste acto, o responsable da Axencia adscrita á Consellería do Medio Rural puxo en valor a importancia do sector agrogandeiro nesta comarca ourensá, en especial en eidos como a produción de pataca e cereais.

Ademais, José Luis Cabarcos salientou o compromiso da Xunta a prol da produción agroalimentaria nesta bisbarra, que se pon de manifesto -dixo- con iniciativas como o Plan estratéxico da Limia. Así, lembrou que este documento, que se está ultimando, aposta por impulsar a sustentabilidade do sector primario da comarca, tendo en conta a súa condición de zona de referencia para o rural galego.

A maiores, o director da Agacal destacou a importancia da Limia no que atinxe, especificamente, á produción de pataca e remarcou o feito de que a sede da Indicación Xeográfica Protexida Pataca (IXP) de Galicia estea situada en Xinzo. Nesta liña, destacou a colaboración da Xunta cos diferentes consellos reguladores de produtos amparados, como é o caso desta IXP.

Esa cooperación fixo posible, entre outras cousas, a instalación dun espazo de promoción da pataca galega de calidade neste certame. José Luis Cabarcos trasladou ademais que, grazas ao apoio da Consellería do Medio Rural, tamén funciona neste evento un bar-degustación, que contribúe a poñer en valor os produtos gastronómicos da bisbarra limiá.

Por último, o responsable da Agacal puxo tamén en valor a colaboración institucional liderada pola Xunta que fixo posible traer para A Limia un investimento de 32 millóns de euros para potenciar o sector agrario desta bisbarra, que irán destinados especialmente a impulsar a súa rede de regadío.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.