A poboación de gaivota reduciuse nun 70% na última década

Malia ser unha especie común con mala fama, é unha especie cun declive poboacional moi importante Este descenso non só se observa na zona da Coruña, confirmando a acusada disminución de exemplares da especie en Galicia

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) alerta do importante declive poboacional da gaivota patiamarela: segundo os datos do censo (proxecto ARTABRO2, realizado co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico) da poboación reprodutora desta especie nas súas colonias naturais, na costa occidental da Coruña o devalo da gaivota foi dun 70% na última década.

Os estudos desenvolvidos dentro do proxecto ARTABRO2 poñen o foco na costa desde as Illas Sisargas ata o límite con Lugo. O resultado do censo foi de 2.674 parellas, das que a inmensa maioría se localiza nas Illas Sisargas, con 2.306. Estes datos confirman o acusado declive poboacional da especie en Galicia.

Así, nas Sisargas e resto de colonias da zona de estudo o declive foi do 70% na última década. No caso das Sisargas chegaron a acadarse as 13.000 parellas nos anos noventa, fronte ás menos de 3.000 da actualidade. Este descenso tamén se está a producir noutros lugares de Galicia, como no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, onde é do 70%, igualmente.

Importancia deste declive

Segundo Sergio París, investigador do CEIDA, “a gaivota ten mala fama nas contornas urbanas, polo que estes datos pódense tomar á lixeira. Mais temos que ter en conta que falamos dunha especie propia de Galicia, e de poboacións naturais presentes en áreas de gran valor natural e con alimentación e hábitos naturais, moi distintos desa imaxe das gaivotas urbanas, que tamén semellan presentar un declive das súas poboacións nos úlitmos anos”.

Tanto o CEIDA como o resto de investigadores que traballan no estudo desta especie, descoñecen a causa concreta deste declive. A desaparición de fontes de alimentación facilitadas polo ser humano, como poden ser a vinculada á eliminación de vertedoiros, e  unha  menor  dispoñibilidade  de alimento en forma de descartes pesqueiros, poden ser responsables dunha parte do devalo detectado.

Tamén acontecen eventos esporádicos de mortandade de gaivotas tanto en Galicia como noutros territorios, “recentemente foi noticia un evento de mortandade elevada de gaivotas no encoro de Vilagudín, mais nos últimos anos este tipo de sucesos esporádicos repítense entre a poboación de gaivotas. Son afectadas por algún tipo de enfermidade ou síndrome descoñecidos que as paraliza ata chegar a provocar o seu falecemento”, explica Sergio París.

Proxecto ÁRTABRO2 (Aves Ártabras)

Estas investigacións enmárcanse na continuación do proxecto Aves Ártabras do CEIDA (ÁRTABRO2), unha iniciativa que busca a declaración dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no Golfo Ártabro, mellorando o coñecemento científico das poboacións de aves mariñas presentes na beiramar da provincia da Coruña e propoñendo medidas de xestión integral que permitan compatibilizar a súa conservación coas actividades pesqueiras e litorais.

Este proxecto tivo a súa primeira fase durante o ano 2019 e ten a súa continuación neste 2021, co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

Foto portada: CEIDA

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.