A Pontevedra 4 Picos BTT regresa este sábado como proba do Xacobeo e 1.500 participantes

A carreira dará comezo ás 8:00 horas no Campus Universitario, fronte á Escola de Enxeñería Forestal, realizándose cinco saídas de 300 ciclistas cada unha para evitar aglomeracións

A ‘clásica’ Pontevedra 4 Picos BTT regresará esta fin de semana, na que será a súa sétima edición, coa participación de 1.500 ciclistas e coa novidade de ser unha proba co patrocinio e a marca do Xacobeo 2021, o que lle outorga se cabe aínda máis categoría a un evento xa consolidado. A proba, de carácter non competitivo e na que deportistas e afeccionados deberán ascender cumios que rodean á cidade, desenvolverase en dúas distancias: dous picos con 60 km e 1.500 de acumulado positivo e catro picos con 130 km e 3.000 de acumulado positivo, establecéndose un tempo máximo de 12 horas para completar o percorrido.

A Pontevedra 4 Picos, organizada pola firma Global DXT grazas á colaboración da Concellería de Deportes, a Deputación Provincial, o Xacobeo 2021, múltiples comunidades de montes e firmas privadas como Raw (bebida oficial), Supermercados Froiz e Panaderías Xeve (subministradores da comida), terá lugar na xornada do sábado 11 de setembro, dando comezo ás 8:00 horas no Campus Universitario da Xunqueira, fronte a Escola de Enxeñería Forestal. De cara a ofrecer unha maior seguridade e evitar aglomeracións, tal e como esixe o protocolo anti Covid-19, realizaranse cinco saídas distintas de 300 participantes cada unha delas. As persoas inscritas poderán recoller o seus dorsais na zona de saída o venres día 10 a partir das 16:00 horas, tendo que acreditar mediante un test de antíxenos negativo que son Covid free (a organización porá a disposición daqueles que non leven o seu certificado un stand para a realización dos test).

A agardada proba foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto protagonizado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial Gregorio Agís; o xefe territorial da Consellería de Vicepresidencia e Turismo en Pontevedra, Ramón Pereiro (en representación do Xacobeo), e o director executivo de Global DXT, José Víctor Cimadevila. Tal e como lembrou Cimadevila, a 4 Picos naceu da man de Tino Fernández hai sete anos e acabou por converterse na “proba de ciclismo de montaña máis importante que se celebra, non só en Pontevedra, senón en Galicia, e unha das máis importantes de todo o territorio nacional”.

O director de Global DXT salientou que se trata dun evento que está destinado a “todo tipo de corredores”, con ciclistas de carácter internacional “como o portugués David Vaz, recentemente campión da Epic Race Pontevedra e de diversas probas do calendario nacional” e cun “montón de participantes, rapazas e rapaces, que teñen como único obxectivo desfrutar do monte”. “Pechamos o cupo máximo de inscricións que nos marcamos, con 1.500 participantes, moitos galegos, de toda España e portugueses, o que, en tempos de pandemia, supón un volume moi elevado de xente”, apuntou Cimadevila.

Un referente a nivel internacional

Tino Fernández apuntou que “hai sete anos iniciouse unha aventura na que o Concello decidiu participar e que estaba destinada a xerar eventos de marca Pontevedra, que estiveran á Marxe dos ‘caprichos’ das federacións, co obxectivo de incidir nesa idea de que o deporte ten unha compoñente lúdica e competitiva, pero tamén económica, de activación da economía”. “A Pontevedra 4 Picos -engadiu o tenente de alcalde- naceu con humildade e hoxe, sete anos despois, a pesares da pandemia e das dificultades, é xa unha referencia a nivel internacional. A presenza de ciclistas de todo o Estado e de Portugal certifica que aquela idea que naceu hai sete anos, xerminou favorablemente”.

O concelleiro socialista destacou o traballo “case hercúleo” da organización, os voluntarios, Protección Civil e Policía Local para que un evento con esta cantidade de participantes cumpra cos estándares dos protocolos Covid, e avanzou a súa intención de que, en canto se poida, a proba recupere a súa data orixinal (entre finais de abril e principios de maio). Segundo explicou Fernández, “a proba poderá realizarse de xeito individual, pero tamén por parellas, equipos de tres persoas e mesmo en e-bike, o que fai que a 4 Picos ofreza opcións para todo tipo de ciclista e aumente o seu atractivo xerando moitas categorías”.

Gregorio Agís amosou o orgullo e pracer da Deputación en colaborar cunha proba que “foi ano a ano collendo corpo ata consolidarse e acadar un enorme nivel de coñecemento dentro do Estado e mesmo internacionalmente”. Agís asegurou que esta proba axuda a poñer Pontevedra dentro do mapa e “define a nosa provincia como un lugar ideal para o desenvolvemento de eventos deportivos», ao tempo que matizou que para unha administración que ten perspectiva de xénero, como a Deputación, “é importante verificar que ano tras ano, o número de mulleres participantes é maior”.

Pola súa banda, Ramón Pereiro afirmou que “esta proba, unha das máis importantes de España no seu eido, é moi relevante para a Xunta de Galicia polo seu papel dinamizador e porque implementa hábitos saudables”. “Este ano ademais especialmente, xa que discorre por varios treitos do Camiño Portugués, o cal é fundamental para a promoción do Camiño de Santiago neste dobre Ano Santo”, precisou o representante do Xacobeo.

Os participantes disporán ao longo da carreira de cinco avituallamentos e un final a cargo da bebida Raw, Supermercados Froiz, Bifrutas e Panaderías Xeve, todos eles entregados de forma embolsada para evitar calquera tipo de contacto dos ciclistas coa comida. Ao finalizar a proba, tódolos deportistas obterán a súa medalla Finisher, que nesta edición emula unha concha de vieira como homenaxe aos treitos do Camiño de Santiago polos que transita a 4 Picos. Ademais, haberá un premio especial para os tres primeiros clasificados de cada categoría, que se entregarán na zona de meta ás 18:00 horas do sábado.

Máis de 150 persoas, entre voluntarios, persoal da empresa Global DXT, Protección Civil e Policía Local dos nove concellos polos que pasa a proba, velarán pola seguridade dos participantes, contando tamén con tódolos servizos médicos establecidos pola organización.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.