A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é, oficialmente, a sétima reserva da biosfera de Galicia

Así o proclamou hoxe o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, reunido na cidade nixeriana de Abuja desde o pasado luns e que esta tarde anunciou publicamente os novos territorios recoñecidos baixo esta figura internacional.

Durante a súa intervención por videoconferencia para defender a candidatura ante o órgano reitor do MaB, na súa 33ª sesión, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia desta decisión tanto para os 23 municipios incluídos na mesma —18 da provincia de Lugo e 5 da de Ourense cunha poboación total de máis de 75.000 habitantes— como para o conxunto de Galicia.

Así, lembrou que coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta en Galicia con este recoñecemento internacional increméntase ata chegar a case o 35% de todo o territorio; pero tamén suporá que o 42% da Comunidade quede amparado baixo algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento á riqueza do noso patrimonio natural en todo o mundo.

De feito, a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande da Comunidade, xa que abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura.

Tras a proclamación hoxe por parte da Unesco, este territorio intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.

Precisamente, a conselleira lembrou tamén que en base á experiencia adquirida e tendo en conta as accións levadas a cabo nas outras reservas da biosfera galegas, a Xunta liderou un plan de acción que tiña como eixos fundamentais a conservación da biodiversidade, a restauración e mellora dos ecosistemas, o fomento do uso sostible dos recursos naturais, a mitigación do cambio climático e a promoción dunha sociedade sostible e plenamente integrada coa súa contorna.

Na mesma liña, subliñou o carácter participativo do proxecto impulsado a finais do ano 2017 para lograr a proclamación da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, un “proxecto de país”, dixo, que agora toca poñer en práctica e materializar.

Tras agradecer o traballo e a implicación de todas as administracións, institucións públicas e privadas e colectivos e axentes sociais que contribuíron nestes anos ao éxito da candidatura, a conselleira resaltou a necesidade de seguir apostando polo mesmo modelo participativo para poñer en marcha, a futuro, un proxecto que harmonice a conservación deste territorio co seu imprescindible desenvolvemento sostible, tanto desde o punto de vista económico como social.

Case catro anos de traballo

A candidatura da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel a reserva da biosfera culminou hoxe un longo camiño, impulsado e liderado desde o principio pola Xunta de Galicia e que se concretou a comezos do ano 2019 nunha primeira proposta, elaborada coa colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Juana de Vega.

Tras un longo proceso de participación pública e unha vez superado o trámite ante o Comité Español do Programa MaB, que en novembro de 2020 avalou a candidatura por unanimidade e decidiu seguir adiante coa súa tramitación, a proposta para declarar reserva da biosfera a Ribeira Sacra chegou a mans do órgano consultivo internacional da Unesco hai uns meses, que emitiu un informe favorable no que, ademais, felicitaba aos promotores polo traballo realizado e a “excelente” calidade do proxecto.

Case catro anos despois de que a proposta galega botara a andar, a declaración oficial da nova reserva da biosfera por parte do Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, ao tratarse dun instrumento internacional de protección.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.