A Xunta abre unha nova liña de axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por ERTE da Covid-19

O Goberno galego entregará 500 euros por persoa beneficiaria que teña permanecido un mínimo de doce meses en ERTE a causa da covid-19, inda que fose interrompido, e con rendementos declarados no IRPF do ano 20 que non excedan de 14.000 euros

A Consellería de Emprego e Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unha liña de axudas nova para compensar a perda de poder adquisitivo de traballadoras e traballadores galegos afectados por ERTE a causa da covid-19.

A Xunta destinará 3 millóns de euros a compensar ás persoas que teñan permanecido un mínimo de 12 meses afectados por un expediente temporal de regulación de emprego entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de xullo de 2021, inda que fose de xeito interrompido.
Os apoios, que ascenderán a 500 euros nun pagamento único por beneficiario, diríxense a persoas traballadoras por conta allea -incluídas fixas descontinuas- ou socias traballadoras de sociedades laborais e de cooperativas de traballo asociado que se viron afectadas por un ERTE a consecuencia da Covid-19.

Para acceder ás mesmas, as persoas solicitantes deberán contar con rendementos declarados durante o período impositivo 2020 no Imposto da Renda de Persoas Físicas (IRPF) por debaixo dos 14.000 euros. Terán prioridade ademais quen teña permanecido máis tempo en situación de suspensión total ou parcial do seu contrato.

Con esta medida, o Goberno galego quere compensar parte da perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras que se encontren afectadas por un ERTE derivado da Covid-19, con suspensión total ou parcial do seu contrato.

O prazo de solicitude abrirase mañá, 24 de setembro, e permanecerá aberto ata o 23 de outubro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.