A Xunta realiza a proba de antíxenos aos estudantes que se aloxarán na LUG I neste novo curso

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, adiantou que xa se realizaron onte os primeiros 32 tests aos residentes que chegaron, todos eles con resultado negativo
A Xunta, a través da Xefatura Territorial de Política Social de Lugo, está a realizar test de antíxenos para o cribado e detección da Covid-19 entre os estudantes que xa se empezan a incorporar á residencia LUG I da cidade de Lugo neste novo curso lectivo.
O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, explicou que xa lles foron realizadas as probas aos primeiros 32 mozos e mozas que chegaron onte, todas elas con resultado negativo. O centro ten reservadas 65 prazas para este curso e todos os estudantes que se aloxen nel farán o test antes de instalarse nas habitacións.
O centro mantén este ano o protocolo de seguridade necesario para evitar contaxios, como a redución do aforo e o emprego de máscara en instalacións de uso común; o reforzo da limpeza, desinfección e ventilación dos diferentes espazos; a adaptación das actividades ás medidas hixiénico-sanitarias e a reserva de catro habitacións individuais ventiladas para o suposto de que haxa que illar a algunha persoa que dea positivo en covid.
Arias agradeceu a colaboración dos residentes e do persoal para organizar e poñer en marcha este protocolo e destacou que a Xunta segue empregando todos os instrumentos ao seu alcance para frear a propagación do virus.
O delegado tamén salientou que o Goberno galego está a adoptar medidas co fin de inmunizar a toda a poboación posible e, nese sentido, lembrou que o departamento de Política Social de Lugo contactou con 121 asociacións da provincia para tratar de localizar a persoas vulnerables que por distintos motivos aínda non recibiron a vacina, co fin de ofrecerlles que se inmunicen.