A Xunta sinaliza as Rutas do Viño de Valdeorras, Monterrei e da Ribeira Sacra

O delegado territorial explicou que o Goberno galego inviste 322.000 euros nesta actuación para actualizar os indicadores nos establecementos e concellos que atravesan estas rutas coa unificación e sinalización dos paneis, ademais de reforzar as indicacións nos lugares emblemáticos ou nos que inducen a erro

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ata o concello de Vilamartín de Valdeorras para comprobar, acompañado do alcalde, Enrique Álvarez, o Presidente do Consello Regulador, José Luís García, e o Presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, o estado das obras de sinalización da Ruta do Viño de Valdeorras na que a Xunta inviste 72.108 euros.

O delegado territorial da Xunta explicou que estas obras encádranse dentro do Proxecto de Sinalización das Rutas dos Viños na Comunidade Autónoma de Galicia, no que a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo está a investir preto de 322.000 euros na sinalización das Rutas do Viño da Ribeira Sacra, de Monterrei e de Valdeorras, na instalación de novos indicadores actualizados que recollan os establecementos e concellos que forman parte deste produto turístico vinculado a estas denominacións de orixe vitivinícolas.

Gabriel Alén sinalou que os traballos inclúen a unificación dos tipos de paneis direccionais urbanos e carteis direccionais frecha coa adopción dun único modelo, eliminando os que non se adapten a normativa. Ademais, simplificarase a sinalización en interseccións cun único panel de elemento de alto interese no canto de varios concentrados e reforzaranse tanto as indicacións de lugares emblemáticos nos que se pretende dar a coñecer as Rutas do Viño como nos cruces ou puntos que induzan a erro.

A sinalización abarcará os concellos ourensáns de A Teixeira, Castro Caldelas, Parada de Sil, Nogueira de Ramuín e A Pobra de Trives, xunto cos municipios lugueses de Monforte de Lemos, Sober, Pantón, Chantada, O Saviñao e Quiroga, dentro da Ruta do Viño da Ribeira Sacra; os municipios do Barco de Valdeorras, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e Petín na Ruta do Viño de Valdeorras; e os concellos de Monterrei, Verín e Oímbra na Ruta do Viño de Monterrei.

As rutas inclúen recursos de interese enolóxico, cultural e paisaxístico entre os que se poden atopar, ademais das adegas, outros establecementos que prestan servizos de restauración e hospedaxe, museos, artesanía ou instalacións de lecer.

A actuación enmárcase no apoio da Xunta ao enoturismo e a experiencias turísticas vinculadas ás Rutas do Viño. De feito, o Goberno galego colaborou ademais coas Asociacións das Rutas do Viño para a aplicación das medidas de prevención ante a covid-19 nestas rutas.

O Goberno galego ampara a marca paraugas Enoturismo Galicia que engloba experiencias personalizadas como estas rutas que permiten descubrir Galicia e contribúen á desestacionalización do turismo galego. Trátase, por tanto dun dos produtos turísticos que axuda a diferenciar a oferta da comunidade e promover Galicia como un destino confiable e de calidade.

Reunión co alcalde de Vilamartín de Valdeorras

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, aproveitou tamén a súa estadía na comarca para reunirse na Casa do Concello co alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica.

O delegado territorial puxo en valor os recentes investimentos da Xunta no concello como os da Consellería do Medio Rural de 31.770 euros dentro das axudas do Plan de mellora de camiños municipais e de acceso a parcela agrícolas, e as da Axencia Turismo de Galicia de 15.000 euros para a mellora paisaxística do Camiño de Inverno en O Bañadoiro, dentro da orde de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago.

Gabriel Alén tamén salientou as propostas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, de 50.000 euros para as obras de abastecemento, saneamento e depuración en San Miguel de Outeiro, e de 40.116 euros para mellorar os sistemas de depuración do concello.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.