ABANCA e Afundación reciben o premio ‘Finanzas para todos’ do Banco de España e CNMV polo seu programa Segura-Mente ABANCA

Esta iniciativa de educación financeira que desenvolven o banco e a súa Obra Social ten como obxectivo achegar ás aulas as finanzas aplicadas á vida real a través dun xogo ameno e divertido

ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, foron galardoadas polo Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) co premio ‘Finanzas para todos’, na categoría de ‘mellor iniciativa de educación financeira’, polo seu programa Segura-Mente ABANCA. Estes premios, convocados no marco do Plan de Educación Financeira, recoñecen aquelas accións educativas desenvolvidas en España que contribúan de maneira significativa á mellora dos coñecementos financeiros dos cidadáns, ensinen a tomar decisións financeiras informadas e desenvolvan hábitos e competencias relacionados co aforro e a planificación do gasto. Segura-Mente ABANCA forma parte do programa de educación financeira que impulsan o banco e a súa Obra Social e ten como obxectivo achegar ás aulas de todo o territorio español a educación financeira aplicada á vida real.

Durante o curso 2020-2021 desenvolveuse a terceira edición do programa, na que se propuxo ao alumnado vivir unha experiencia inmersiva percorrendo de forma virtual o Camiño de Santiago, con motivo do ano Xacobeo, aprendendo sobre finanzas pero tamén sobre historia, arte ou literatura. En total, nas tres edicións da convocatoria participaron máis de 190.000 estudantes de entre 6 e 17 anos.

O Banco de España e a CNMV destacaron que esta iniciativa facilita á comunidade educativa “ferramentas innovadoras coas que abordar a educación financeira, axustándose ao currículo vixente”.

Ademais, as entidades supervisoras valoraron que o programa “deu a oportunidade aos estudantes de enfrontarse á toma de decisións propias da planificación dunha viaxe e aos imprevistos que poden xurdir, conseguindo integrar a educación financeira nos aspectos cotiáns da nosa vida e combinala con outros coñecementos como os relativos á sustentabilidade”.

O premio ‘Finanzas para todos’ é o segundo recoñecemento que recibe este ano o programa ‘Segura-Mente ABANCA’. O pasado mes de xuño tamén foi galardoado pola CECA co Premio Especial do Xurado para Educación Financeira nos seus Premios de obra social e educación financeira 2019-2020.

Programa de educación financeira de ABANCA e Afundación

ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, desenvolven un amplo programa de educación financeira que se caracteriza por ser universal e inclusivo, cunha ampla variedade de actividades dirixidas a mellorar a cultura financeira dos diferentes colectivos sociais, con especial atención ás persoas maiores e os escolares.

No caso das persoas de maior idade, as propostas van dirixidas a mellorar a cultura financeira xeral deste grupo, así como a favorecer a súa dixitalización e que poidan utilizar as novas tecnoloxías, como a banca móbil ou os dispositivos de autoservizo, para realizar as súas xestións financeiras e mellorar o control da súa economía persoal e familiar. O 98% dos cursos céntranse na banca móbil e nos caixeiros automáticos.

Entre as actividades organizadas destacan os cursos ‘Xestiona as túas contas con ABANCA móbil’ ou ‘Banca 24 h para unha vida máis fácil’, nos que se lles explican as posibilidades que ofrecen a banca móbil e os caixeiros automáticos para que poidan gañar seguridade, autonomía e decidir cando e onde queren realizar as operacións financeiras máis habituais. Desde 2017 realizáronse preto de 300 cursos nos que participaron ao redor de 2.000 maiores. Os cursos realízanse en colaboración cos once Espazos +60 que a Obra Social ABANCA ten nas principais cidades galegas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.