Acampa aborda mañá os binomios espolio/violencia e xornalismo/compromiso social coa activista congolesa Julienne Lusenge e a xornalista Rosa María Calaf

Lusenge expoñerá as consecuencias que ten para o seu país ser un dos principais produtores dos minerais imprescindibles para fabricar aparellos tecnolóxicos de uso masivo: computadores, baterías, teléfonos móbiles…. Unha riqueza que está a ser saqueada a esgalla polas principais potencias mundiais. Rosa María Calaf, estivo ligada á actualidade internacional durante máis dun cuarto de século como correspondente e enviada especial de TVE, desempeño co que percorreu máis de 160 países. O seu traballo, recoñecido con premios xornalísticos como o Ondas á Mellor Profesional e o José Couso á Liberdade de Prensa, sempre estivo marcado polo compromiso social e a loita pola igualdade

O Encontro Internacional Acampa pola paz «A Vida Negada» que se desenvolve desde hoxe na Coruña abordará mañá venres a relación entre a violencia que permea desde hai décadas a República Democrática do Congo e a extracción masiva, por parte de compañías transnacionais, de minerais e terras raras imprescindibles para a fabricación dos aparellos tecnolóxicos que consome o mundo. Dese binomio espolio/violencia falará (de forma virtual por mor da pandemia) a activista polos Dereitos Humanos Julienne Lusenge. Na mesa coloquio (19.30 horas, na carpa central) sentará tamén a reporteira de televisión, Rosa María Calaf. Disertará sobre a relación entre o exercicio do xornalismo e o compromiso social información/desinformación. Moderará a charla a xornalista da Cadena Ser, Consuelo Bautista. O encontro retransmitirase en directo a través da canle de Acampa

Lusenge abordará na súa intervención as nefastas consecuencias que ten para o seu país, e especialmente para as mulleres, ser un dos principais produtores dos minerais imprescindibles para a fabricación dos teléfonos móbiles que usan miles de millóns de persoas en todo o planeta. Unha riqueza que explotan e comercializan grandes compañías internacionais e que para os congoleses significa unha condena á violencia sistémica e á pobreza crónica. Un exemplo palmario de vida negada.

A programación de mañá venres inclúe tamén senllas visitas guiadas a dúas das exposicións de fotografía que balizan Os Cantóns e que, do mesmo xeito que o campo simulado de persoas refuxiadas, son elemento esencial da iniciativa. Acampa pola Paz transforma o centro urbano coruñés durante varios días ao ano en escenario de denuncia da situación das persoas obrigadas a migrar (máis de 80 millóns en todo o planeta) e de reivindicación dos Dereitos Humanos. En cada edición o Encontro está centrado nunha das moitas causas que provocan esas migracións masivas; nesta ocasión é o saqueo de recursos por grandes compañías internacionais, o que condena ás poboacións afectadas a buscar refuxio e futuro fóra dos seus países.

Os fotógrafos, Javier Corso e Xosé Abad guiarán aos visitantes pola mostras «Terra Verde» (11.30 horas) e «MST: Terra, Xustiza e Dereitos» (16,30 horas), respectivamente. A exposición de Corso reflicte a miseria económica no que viven a inmensa maioría dos habitantes de Muzo, Colombia, onde se sitúa unha das minas que fornece esmeraldas ao mundo e da que se benefician só uns poucos caciques locais e un bó numero de empresas estranxeiras. A de Abad achega aos visitantes ao Movemento dos Trabalhadores Rurais sem Terra de Brasil (MST), unha das organizacións sociais máis potentes e veteranas de América Latina que leva case cinco décadas defendendo o acceso dos e das brasileiras á terra.

Foto: Javier Corso

A segunda xornada deste V Encontro comezará co taller «Novas narrativas sobre as migracións forzosas», impartido pola ONG Ecos do Sur. Será entre as 11.30 e as 13 horas, no Kiosco Alfonso. As visitas guiadas diarias ao campo simulado de persoas refuxiadas, a cargo de Amnistía Internacional, terán lugar ás 12 e ás 16.30 horas. Nesta edición o campo reproduce as condicións dun dos moitos » acampamentos» promovidos polo MST en toda a xeografía brasileira, comunidades (rurais e urbanas) perfectamente articuladas e funcionais en terreos recuperados polo movemento para o campesinado e a poboación máis desfavorecida.

Foto: Xosé Abad

Completa as actividades do día a proxección (17 horas, na carpa central) do documental «Retomadas, a loita indíxena», tamén de Xosé Abad, unha aproximación á realidade das comunidades orixinarias de Brasil, desprazadas das súas terras ancestrais polo agronegocio e que tentan recuperar pequenas parcelas de terreo nos arredores dos grandes latifundios. Enfróntanse para iso ao acoso e á violencia dos servizos de seguridade dos grandes terratenentes e non poucas veces a un risco real para a súa integridade física e as súas vidas.

A organización recomenda ás persoas interesadas en acudir a calquera das propostas que o faga con un pouquiño de antelación debido ao obrigado control de accesos polas medidas sanitarias derivadas da Covid-19.

Julienne Lusenge 

Lusenge é directora do Fondo de Mujeres Congoleñas e cofundadora e presidenta de Solidariedade Feminina para a Paz e o Desenvolvemento Integrado. O seu traballo en defensa das mulleres vítimas de violencia sexual en tempos de guerra foi compensado co Premio Internacional de Dereitos da Muller 2018 -outorgado por 25 organizacións de Dereitos Humanos no Cume de Xenebra para os Dereitos Humanos e a Democracia- e co Premio Ginetta Sagán 2016 que outorga Amnistía Internacional. Así mesmo, recibiu o Premio de Dereitos Humanos da Embaixada de Francia e foi nomeada Caballero da Lexión de Honra polo Goberno francés. É socia, para o seu país, do proxecto con Media Matters for Women, unha organización sen fins de lucro cuxo obxectivo principal é pechar a fenda dixital para mulleres e nenas illadas en comunidades pobres e remotas de África que carecen de acceso a información sobre os seus dereitos.  

Rosa María Calaf 

Rosa María Calaf é sen dúbida un dos rostros indisociables da historia da televisión no noso país. Na memoria de todos aínda ecoa a persoal e inconfundible forma de narrar os acontecementos nas súas crónicas ao longo e ancho do mundo como enviada especial ou correspondente de Televisión Española. Ao longo das máis de tres décadas de carreira profesional en TVE percorreu ao redor de 160 países e foi correspondente en Nova York, Moscova, Buenos Aires, Roma, Viena, Hong Kong e Pequín. O seu traballo ten sido recoñecido cos premios xornalísticos máis importantes do país como o Ondas á Mellor Profesional, o do Club Internacional de Prensa ao mellor labor no estranxeiro e o José Couso á Liberdade de Prensa. En 2007 recibiu o recoñecemento a «Toda unha vida», outorgado pola Academia da Televisión en España, un galardón á súa longa carreira como correspondente.

Foto portada: Javier Corso

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.