Camiño Escena Norte programa esta fin de semana en Vilalba o espectáculo infantil Ikimilikiliklik

O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte afronta a súa penúltima fin de semana de actividade en Galicia con dúas propostas escénicas, unha de danza e outra teatral. O 1 e 2 de outubro, os concellos de Vilalba e Sobrado dos Monxes recibirán novas funcións do seu programa de exhibición aberto ao público, nomeado Itinerario Constelacións, e que o proxecto interterritorial ofrece nas catro comunidades autónomas implicadas na iniciativa: Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.
A compañía Marie de Jongh de Euskadi representará o venres 1 no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba o espectáculo infantil Ikimilikiliklik. Mi pequeña. Esta obra, gañadora do Premio FETEN 2020 ao mellor espazo escénico, é un convite para descubrir a peripecia vital de Martirio, unha nena que de cativa tiña medo das bruxas e que de maior acaba por se converter nunha delas. Logo de finalizar a función haberá un encontro co público no que participará a directora, dramaturga e actriz Paloma Lugilde.

sábado 2, a compañía asturiana de danza Meraki Cía. levará Amalgama ata o Mosteiro de Santa María en Sobrado dos Monxes (en caso de choiva, a función terá lugar no edificio do mercado municipal). Como ben indica o seu nome, esta peza constitúe unha amálgama de estilos diversos, como son o flamenco ou as danzas urbanas ou contemporánea, que dialogan entre eles ata cristalizaren nunha proposta na que é imposible distinguir a orixe do movemento. Ao remate do espectáculo haberá un encontro do público cos integrantes de Meraki Cía.
Para pechar a programación desta fin de semana, o luns 4 a canle de YouTube de Camiño Escena Norte acollerá o derradeiro dos coloquios profesionais abertos ao público desta edición. O encontro explorará as posibilidades das artes escénicas en procesos de mellora persoal e social, no contexto sanitario ou de poboación da terceira idade ou con diversidade funcial. A conversa contará coa participación de Marta López Mazorra (actriz e directora da compañía Arte en Escena), Fran García (presidente da asociación Clowntigo), Nuria Sotelo (bailarina e creadora escénica) e Diego V. Meizoso (coordinador de Camiño Escena Norte).
Axenda Camiño Escena Norte 2021 – 1, 2 e 4 de outubro
01.10.2021 | 18.00 a 19.00 horas no Auditorio Municipal Carmen Estévez, Vilalba
Marie de Jongh (Euskadi). Ikimilikiliklik. Mi pequeña.
Entrada libre previa reserva na web www.entradasvilalba.es. Público infantil e familiar.

01.10.2021 | 19.00 horas Auditorio Municipal Carmen Estévez, Vilalba
Posfunción. Ao finalizar a función de Ikimilikiliklik. Mi pequeña, celebrarase un encontro entre o público asistente e a compañía. Acompaña Paloma Lugilde (Producións Paloma Lugilde).

02.10.2021 | 20.00 horas Mosteiro de Santa María, Sobrado dos Monxes
Meraki Cía (Asturias) Amalgama.
Entrada libre ata completar a capacidade do espazo. Público adulto.

02.10.2021 | 21.00 a 22 horas no Mosteiro de Santa María, Sobrado dos Monxes
Posfunción. Ao finalizar a función de Amalgama, celebrarase un encontro entre o público asistente e a compañía.

04.10.2021 | 20.00 h. Canle de Youtube de Camiño Escena Norte
Coloquios profesionais. Deixade que o teatro cure: as artes escénicas como catalizadoras de procesos de mellora persoal e social

  • Marta López Mazorra (actriz e directora da compañía Arte en Escena).
  • Fran García (presidente da asociación Clowntigo).
  • Nuria Sotelo (bailarina e creadora escénica).
  • Diego V. Meizoso (coordinador de Camiño Escena Norte).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.