Completada a renovación integral do parque infantil de Ricardo Portela en Pontevedra

As obras de reforma traducíronse na mellora das condicións de amortecemento e na restauración das pezas en mal estado nos elementos de xogo

A veciñanza do barrio da Parda de Pontevedra xa dispón dunha área de lecer infantil nun estado óptimo de confort e seguridade nas inmediacións do seu centro de saúde, despois de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural completase a renovación integral do parque situado na urbanización das Camelias, entre as rúas Gaiteiro Ricardo Portela, Campo Santo, Virxinia Pereira e Pintor Laxeiro.

As actuacións, executadas nas últimas semanas pola firma especializada Garocaprim SL cun orzamento de máis de 15.000 euros, incluíron o recrecido do pavimento desta zona de xogos coa finalidade de optimizar as condicións de amortecemento das caídas e a súa cobertura cunha capa de céspede artificial.

O proxecto tamén se traduciu na completa renovación dos distintos elementos, substituíndose pezas, cambiándose manguitos, cadeas e cordas de bambáns e demais xogos, e efectuándose o pintado dos mesmos. Asemade, a intervención contemplou a restauración de bancos, papeleiras e mobiliario.

O tenente de alcalde, Tino Fernández, destacou “o inmellorable resultado dunhas obras que permitiron deixar esta área de lecer e descanso case como nova, e mesmo mellor que cando se estreou, xa que, á marxe do excelente resultado estético, tanto no que se refire ao amortecemento das caídas como ás medidas e acabados dos distintos elementos, o parque cumpre coas pautas de seguridade establecidas na normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003”.

Non obstante, tal e como lembra o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, o proxecto de renovación integral desta área de xogos seguiu, como tódalas que está levando a cabo o seu departamento durante este mandato, “as directrices e recomendacións establecidas mediante auditoría previa pola empresa Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello para estudar as condicións de seguridade dos parques, verificar que respectan as normativas europea e galega en materia de seguridade, valorar as reparacións necesarias e emitir os correspondentes certificados da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) unha vez que as cumpren”. Neste sentido, ademais de garantir que os pavimentos contan coas axeitadas condicións de amortecemento, os técnicos tamén supervisan os diámetros dos distintos elementos para evitar que se produzan atrapamentos de dedos ou pescozo, as distancias entre xogos para previr golpes graves ou o estado de conservación de superficies, parafusos, cordas, cadeas…

En opinión de Iván Puentes, “nun barrio como o da Parda, que se atopa en constante expansión, cómpre dispoñer de parques infantís bonitos e seguros, que permitan dar resposta á crecente demanda, e cremos que os traballos realizados no de Gaiteiro Ricardo Portela deixárono cun aspecto impecable a tódolos niveis”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.