En marcha “Na Coruña Contas”, o novo plan de orzamentos participativos

A cidadanía poderá propor e escoller investimentos para todo o ámbito da cidade por valor de 1 millón de euros, e actuacións por un valor total de 1,5 millóns de euros a implantar en todos os distritos

O Goberno de Inés Rey vén de poñer en marcha o novo plan de orzamentos participativos que, baixo a denominación “Na Coruña Contas”, permitirá aos cidadáns propor e escoller proxectos a realizar na cidade por un valor total de 2,5 millóns de euros.

A cidadanía poderá presentar as súas propostas desde o vindeiro luns día 20, e terán un prazo de 15 días para facer chegar, de xeito telemático ou presencial, as súas achegas.

O plan foi posto en marcha pola Concellería de Benestar Social, que dirixe Yoya Neira, e foi presentado hoxe en María Pita polo voceiro do executivo, José Manuel Lage Tuñas. Na Coruña Contas é “un proxecto para fomentar a implicación cidadá no Goberno da cidade, e un plan que da resposta tamén aos acordos aos que temos chegado coa Marea Atlántica”, indicou o edil.

A cidadanía poderá propor e escoller investimentos de ámbito municipal por valor de 1 millón de euros. Ademais, tamén poderán propor e escoller investimentos por un valor total de 1,5 millóns de euros a repartir nos distintos barrios da Coruña, a razón de 150.000 euros cada distrito censal.

Nesta ocasión, ademais da participación telemática no proceso (a través da web), tamén poderanse votar e enviar propostas de xeito presencial tanto en María Pita como no Ágora e no Fórum, explicou Lage Tuñas.

O Concello, ademais, informará ás persoas interesadas desde a súa rede de bibliotecas, centros cívicos e rede de puntos de información xuvenil.

Na Coruña Contas desenvolverase en tres fases, a primeira delas, que arrinca o vindeiro luns día 20 e chega ata o 5 de outubro, será a de presentación de propostas. Unha vez recibidas, os técnicos municipais validarán aqueles proxectos que sexan tecnicamente viables e de competencia municipal.

A seguinte fase, coas primeiras votacións, terá lugar entre os días 18 e 25 de outubro, e nela calquera persoa maior de 16 anos empadroada na Coruña poderá votar polos proxectos de ámbito municipal da súa elección e por proxectos de barrio en tres distritos. Os técnicos municipais redactarán un orzamento para cada proxecto escollido.

A última fase, coa votación final, levarase a cabo entre os días 17 e 24 de novembro e nela cada votante poderá apoiar proxectos de cidade que non rebasen o límite orzamentario de 1 millóns de euros do plan e outros proxectos para tres distritos cun máximo de 150.000 euros por distrito. Os resultados publicaranse entre os días 26 e 30 de novembro.

Lage Tuñas explicou que nas vindeiras semanas levaranse a cabo campañas informativas con encontros coas entidades que o soliciten e tamén a pé de rúa. Ademais, o 010 informará a todo o que desexe participar. “O Goberno de Inés Rey demostra o seu respaldo aos procesos participativos, agardo que os coruñeses e coruñesas presenten un elevado número de boas propostas que contribúan á mellora da cidade”, indicou o portavoz do Goberno municipal.

Apoio á ANPA do Ramón de la Sagra

Por outra banda, José Manuel Lage amosou o apoio do Goberno municipal de Inés Rey ás reivindicacións da ANPA do Ramón de la Sagra en contra do recorte de profesorado levado a cabo pola Xunta no dito centro. “É inadmisible o trato que está a dar o Goberno de Feijoo aos centros públicos da Coruña”, enfatizou Lage Tuñas, que recordou que a consellería está a reducir prazas docentes que estaban recollidas no catálogo de profesorado.

O portavoz do Goberno municipal acusou á Xunta de “falta de sensibilidade” e de “non crer na igualdade de oportunidades” ao tomar decisións que van en detrimento da calidade educativa de nenas e nenos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.