Gómez Reino pide no Congreso medidas para “evitar a exclusión financeira” derivada do peche de oficinas bancarias e caixeiros en Galicia

Unidas Podemos rexistrou unha iniciativa parlamentaria con varias preguntas ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación dixital 

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común rexistrou este mércores unha proposta parlamentaria a iniciativa de Antón Gómez Reino instando o Goberno a adoptar medidas para evitar a exclusión financeira da poboación derivada do peche de oficinas e caixeiros en Galicia.

No ano 2008 en Galicia existían 2.534 oficinas bancarias e en marzo de 2021 o número reduciuse ata as 1.190 segundo datos do IDEGA. Tendo en conta os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), isto tradúcese en que 45 dos 313 municipios galegos (onde residen unhas 50.000 persoas) perden todas as súas oficinas bancarias e outros 114 só dispoñen dunha sucursal.

O deputado Antón Gómez Reino aludiu á responsabilidade da Xunta de Galicia, considerándoa “cómplice” da exclusión financeira a miles de galegas e lembrou o rescate das caixas galegas que custou, segundo o Tribunal de Contas, 9.159 millóns de euros ás arcas públicas. “As galegas tiveron que pagar dos seus petos o fracaso da fusión das caixas galegas que fomentou o señor Feijóo e agora nin sequera se compromete a garantir o acceso ao servizo de toda a poboación”, sostivo Gómez Reino.

De feito, o Goberno galego fará público proximamente o resultado dun concurso público para instalar caixeiros no rural, mais Abanca xa comunicou de maneira interna que era ela o ente gañador, recibindo así 16.000 euros por cada caixeiro, en total 2,8 millóns en catro anos. “A entidade financeira recibirá cartos públicos nun contrato feito a medida que non resolverá as necesidades dunha poboación que precisa atención presencial”, subliñou ou deputado.

O documento xa rexistrado no Congreso dos Deputados pide ao Ministerio medidas concretas para cada un dos municipios afectados en Galicia, principalmente co obxectivo de evitar as prácticas monopolistas e oligopolistas que resultan do peche das oficinas. Unidas Podemos expón a posibilidade de establecer “Obrigacións de Servizo Público” ás entidades bancarias para que dean cobertura con servizos presenciais a todo o territorio e tamén o desenvolvemento dun banco público que dea cobertura aos grupos de poboación que sofren exclusión por parte das entidades privadas.

“Os servizos bancarios son básicos para o día a día das familias e das empresas, por iso pedimos colaboración entre as distintas administracións para blindar dende o público o acceso aos servizos bancarios do conxunto da poboación de maneira presencial”, sostivo o deputado. “En Galicia esta problemática atenta directamente na poboación rural que sofre, desde diversos ámbitos, unha perda paulatina de servizos con repercusións no tecido económico e social”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.