Gonzalo Caballero apela á unidade e á lealdade do socialismo galego

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo hoxe un chamamento “á integración, á unidade e á lealdade” para “avanzar na capacidade de dar resposta aos numerosos problemas da sociedade galega” nun contexto no que a reactivación e a modernización de Galicia “deben ser as nosas prioridades”. Nesta liña, o líder socialista apelou “a ter altura de miras e responsabilidade colectiva para estar á altura das circunstancias e do que nos reclaman os galegos e as galegas fronte á inacción e a desidia das políticas do PP”.

Con ese obxectivo, Gonzalo Caballero incidiu na necesidade de que “todas e todos rememos na mesma dirección” para seguir apuntalando o proxecto do PSdeG dende unha perspectiva galeguista, feminista, ecoloxista e de esquerdas. “Esa é”, sinalou o líder socialista, “a mellor fórmula para configurar un partido máis forte e con máis presenza, e para volver situalo en condicións de seguir colleitando resultados históricos nas vindeiras convocatorias electorais: as municipais e as xerais do ano 2023”.

Por iso, “mentres o PP segue instalado nos estériles debates entre Casado, Ayuso e Feijoo e deixa de lado aos cidadáns co conservadurismo”, Gonzalo Caballero incidiu na necesidade de “fuxir de personalismos improdutivos e de poñer o foco nunha visión de conxunto que realmente permita traballar con xenerosidade, eficacia e responsabilidade a prol dos galegos e as galegas”. Caballero sinalou que «o partido unido terá mais forza para facer fronte a un tempo político no que os e as progresistas e a cidadanía xogámonos moito».

Dende esa perspectiva, o líder socialista amosou o seu convencemento de que o PSdeG seguirá sendo “unha ferramenta útil”, como xa o está a demostrar “na xestión que realizamos para o 55 por cento da cidadanía galega dende o goberno de 113 concellos e de tres das catro deputacións provinciais”.

Ao mesmo tempo, Gonzalo Caballero puxo de relevo “o papel fundamental”  que debe ter o conxunto da militancia socialista á hora de decidir o futuro socialista e de “contribuír entre todos e todas a facer a mellor Galicia”, cun proxecto que debe definirse “a pé de país e coa cabeza centrada en dar resposta ás necesidades da cidadanía”.

Deste xeito, “o PSdeG seguirá configurando un proxecto sólido e solvente fronte a unha dereita que é incapaz de impulsar políticas progresistas para a reactivación e de pensar nas necesidades das persoas» e «fronte a un nacionalismo que opta por aliarse coas vías independentistas de Cataluña que nada bo traen para os  galegos e nas galegas”.

“Dende logo”, proclamou Gonzalo Caballero, “eu comprométome a poñer toda a miña capacidade, todo o meu esforzo e toda a miña ilusión en darlle ao PSdeG ese impulso para seguir avanzando no noso gran proxecto de país”. Seguindo “o exemplo e o camiño aberto por Fernando González Laxe ou Emilio Pérez Touriño”, concluíu o secretario xeral, “este partido será imparable e conseguirá construír esa maioría social, transversal e integradora na que todas e todos nos sintamos cómodos e na que Galicia se vexa reflectida”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.