Gonzalo Caballero presentará candidatura á Secretaría Xeral do PSdeG e ofrece «integración e unidade»

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe que o Comité Nacional Galego abordará o venres a convocatoria do XIV Congreso do PSdeG, un órgano do que ten que saír “un partido forte e revitalizado” que está chamado a xogar “un papel fundamental” para Galicia nestes tempos de reactivación.

Fronte a estatua do fundador do PSOE, Pablo Iglesias Posse, no compostelán parque de Vite, Gonzalo Caballero confirmou que cando se abra o proceso congresual presentará a súa candidatura á reelección como secretario xeral “para seguir traballando a carón da militancia” nun proxecto “centrado nos intereses das galegas e dos galegos” e coa prioridade “no progreso e no benestar da cidadanía”.

Cun chamamento á “integración” e á “unidade”, dende o convencemento de que “é momento de traballar en clave colectiva” e non pensando “en calquera outra clave”, o líder das e dos socialistas galegos defendeu “un proxecto galeguista, feminista, ecoloxista e de esquerdas”.

“Estes catro sinais de identidade que, ao longo dos últimos catro anos, marcamos dende a dirección do partido son os elementos motores para conseguir unha Galicia mellor”, apostilou Gonzalo Caballero, quen engadiu outras características do seu proxecto como “o comportamento ético e a exemplaridade no público” como vía para dar aos galegos e galegas “confianza nos seus representantes”.

Así pois, dende o convencemento de que “non é momento de pensar en nós mesmos” senón “nos retos da reactivación de Galicia”, o secretario xeral apelou, como xa fixera de cara ao congreso federal do PSOE, “á integración e á unidade”. “Hai espazo para todos, todos os e as socialistas somos necesarios”, afondou.

“INTEGRACIÓN, UNIDADE, FORTALEZA”

Nese senso, Gonzalo Caballero garantiu “unha liña de traballo de integración, de fortaleza e de unidade a carón da militancia do partido para conseguir facer fronte aos retos do futuro”, toda vez que “cada un de nós ten un espazo de traballo” e “remar en clave de integración será a mellor receita para que o PSdeG siga avanzando”.

“Cando estamos xuntos somos imparables”, valorou o dirixente socialista e, coa vista posta no congreso que se celebrará “no horizonte do mes de decembro”, incidiu en que “o PSdeG é útil á xente cando ten a capacidade de traballar e dar solucións e respostas” aos problemas da cidadanía.

Por iso, Gonzalo Caballero reiterou que “temos que pensar nos galegos e nas galegas, que non nos perdoarían ningún tipo de despiste ou distracción porque o que importa agora mesmo é a reactivación”.

O PSdeG “AVANZOU” NESTES CATRO ANOS

Así as cousas, o responsable do PSdeG puxo en valor que o proxecto que “plantamos hai catro anos xerminou e necesitamos tempo para que floreza e dea froitos” no sentido de “impulsar unha Galicia de vangarda, progresista e de futuro” logo de mellorar en todas as convocatorias electorais nestes anos.

Por iso, avanzou que continuará traballando a prol da “defensa da igualdade, da xustiza social, do feminismo, do ecoloxismo” e, por riba de todo, na protección “da cidadanía que está nunha situación máis vulnerable”.

Durante a súa intervención, o dirixente socialista lembrou que o PSdeG “avanzou e consolidou posicións” dende o ano 2017. “O proxecto que plantexamos hai catro anos permitiu avanzar ao PSdeG e todo o mundo o recoñece; hoxe temos máis músculo e capacidade”, xa que “avanzamos en apoio electoral en todas as convocatorias: xerais, europeas, municipais e tamén autonómicas”, reivindicou Gonzalo Caballero.

MUNICIPAIS E XERAIS, RETOS EN 2023

Agora, incidiu, “temos o reto de seguir facendo as cousas cada vez mellor para gañar máis impulso e forza”, porque “o noso reto é servir aos galegos e ás galegas”.

E coa vista xa posta no futuro, Gonzalo Caballero aludiu ás próximas citas electorais. “Con lealdade e unidade, o PSdeG estará nas mellores condicións para volver acadar resultados históricos nas eleccións xerais e nas eleccións municipais de 2023”, proclamou.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.