Grandes avances nas obras do túnel de Lepanto en Vigo

O Concello de Vigo iniciou de forma simultánea a construción do paso soterrado desde a rúa Lepanto e desde a autoestrada, pasando por debaixo da estación de Urzáiz

O último vestixio do scalextric é historia e o túnel que substituirá o acceso rodado desde Lepanto á autoestrada avanza “a moi boa velocidade”, en verbas de Abel Caballero. O alcalde visitou os traballos, xunto a primeira tenente de alcalde e presidenta provincial, Carmela Silva, e as tamén tenentes de alcalde María José Caride e Elena Espinosa. Todos eles puideron presenciar o derrubo da última lámina de terra que separaba as dúas bocas do túnel, agora xa unidas.

Esta obra forma parte do convenio rubricado polo Concello, a Xunta e o Goberno de España para dotar á nova estación de Urzáiz dos accesos viarios e rodados necesarios para a súa operatividade. O acordo asinado contemplaba a demolición do paso elevado sobre Alfonso XIII, xa executada, e a escavación dun túnel que una Lepanto coa autoestrada. Ademais, un segundo túnel dará entrada aos vehículos desde a AP9 ata o novo centro Vialia, que abrirá as súas portas o día 30 deste mes.

O Concello ademais acaba de comezar o asfaltado da rúa Lepanto e da Praza da Estación. O obxectivo da administración dirixida por Abel Caballero é abrir á circulación ambas rúas en próximos días, de tal forma que os condutores poidan utilizalas para chegar ata García Barbón a través de Alfonso XIII. Unha vez estea aberto o Vialia, o 30 de setembro, o tráfico poderá empregar tamén a rúa Baixada á Estación (en proceso de humanización por parte do goberno de Vigo) e incluso acceder á nova estación pola Praza da Estación, ademais da entrada actual ao aparcamento desde Vía Norte.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.