A alcaldesa, Inés Rey anuncia actuacións no eido da mobilidade por valor de máis de 500.000 euros

Inés Rey, anunciou esta mañá, tras a Xunta de Goberno Local, que se aprobaron varias actuacións no eido da mobilidade que permitirán continuar co plan de mellora dos espazos urbanos e da accesibilidade. Continuamos, polo tanto, dixo, co Plan Coruña Camiña, cunhas obras que superan o medio millón de euros e que levan sendo demandadas durante anos. Un plan, o Coruña Camiña, que está a cambiar o modelo mobilidade da cidade, e que se resume en máis de 35 intervencións cun investimento de máis de 7 millóns de euros cun denominador común: máis espazo para as persoas, máis zonas verdes, e máis espazos de convivencia.

En primeiro lugar, o Goberno deulle luz verde o proxecto de mellora da accesibilidade na rúa Doctor Camilo Veiras, na contorna do centro oncolóxico por un importe superior a 400.000 euros co obxectivo de garantir a accesibilidade ao centro médico e mellorar a contorna ampliando a zona peonil.

E aprobáronse outras obras do Plan Coruña Camiña; a reforma da rúa Santa Cecilia, en Monte Alto, e do espazo público de Pedralonga co fin mellorar a accesibilidade e garantir unha mobilidade segura. A primeira intervención, cun orzamento de 100.000 euros, consiste na mellora completa da rúa e da escalinata. Renovarase o pavimento coa construción dunha rúa de plataforma única, as redes de saneamento e a iluminación. Ademais, Instalarase novo mobiliario e crearanse zonas arboradas. Ademais, conservarase unha zona de aparcamento para as veciñas e veciños da rúa.

No caso do espazo de Pedralonga, dáselle resposta a unha demanda histórica do barrio, que inclúe a derruba dun muro entre o parque infantil e Down Coruña o que permitirá a creación dunha pequena rúa peonil con bancos e novo mobiliario.

Na sesión de hoxe autorizáronse os proxectos que optarán a convocatoria de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Fondos Next Generation) co obxectivo de poder conseguir 11 millóns de euros para financiar as actuacións que se están a levar a cabo para acadar unha cidade máis sostible.

Tamén se aprobou un convenio coa Federación de Comerciantes para a dinamización de actividades que impulsen o comercio local a través das diferentes asociacións de comerciantes da cidade. “Son 170.000 euros sumados aos 985.000 destinados aos Bonos PRESCO e que estamos seguros que contribuirán ao crecemento dos negocios e poñen de manifesto o noso compromiso de apoiar o importante papel que desempeña o comercio de proximidade na cidade”, dixo Rey, quen destacou a boa acollida que están a ter os Bonos PRESCO xa que en só dúas semanas impulsaron ventas que superan o medio millón de euros e contan con máis de 20.000 usuarios.

No eido da recuperación económica, a alcaldesa destacou que o Goberno local segue a traballar no impulso do desenvolvemento urbano e a recuperación económica axilizando licenzas para a construción de novas vivendas e a mellora de zonas urbanas. Nesta liña, hoxe concedeuse unha licenza para a construción de 24 vivendas en dous edificios situados nos soares 128 da rúa Juan Flórez e no número 7 da rúa Maestro Clavet.

“No que vai de ano levamos concedidas máis de 500 licenzas de obra, que supoñen a día de hoxe 272 novas vivendas na cidade, 162 de obra nova e 110 en rehabilitación”, sinalou, e engadiu que o Goberno aprobou de maneira inicial o proxecto de urbanización do polígono de Santo Amaro. Trátase dun proxecto de rexeneración que mellorará a accesibilidade entre o paseo marítimo e a cidade, e permitirá ampliar as zonas verdes con preto de 12.000 metros cadrados de espazos verdes repartidos na contorna do Club de Mar e na contorna do Cemiterio de Santo Amaro e da Residencia Torrente Ballester. Ademais contará cun novo parque infantil na contorna do cemiterio.

E, por último, no eido social, renovouse durante un ano máis con EMVSA a xestión do banco de vivendas de alugueiro con destino a colectivos con dificultades de acceso á vivenda por un importe de 300.000 euros. Este banco conta na actualidade con 44 vivendas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *