Inés Rey lembrou hoxe o 25 aniversario da caída do vertedoiro de Bens

A alcaldesa lembrou hoxe o 25 o aniversario da caída do vertedoiro de Bens. Un gran desastre ecolóxico que supuxo, dixo, un antes e despois nas políticas de tratamento de residuos en España

A alcaldesa, Inés Rey, lembrou hoxe o 25.º aniversario da caída do vertedoiro de Bens. Un desastre ecolóxico que supuxo, dixo, un antes e despois nas políticas de tratamento de residuos da Coruña e de moitas cidades de España. “O Concello foi pioneiro á hora de apostar por un modelo de reciclaxe máis sostible e ecolóxico. Foi un Goberno socialista o que iniciou un camiño moito antes de que se empezase a falar das tres R, reducir, reciclar e reutilizar, cando aínda non existía a conciencia medioambiental que hai hoxe en día”, apuntou Rey.

“25 anos despois temos un reto por diante. Seguimos apostando polo modelo de Nostián. Seguimos a senda dun Goberno valente que dun accidente abriu unha gran oportunidade”, dixo Rey, quen subliñou que “queremos converter a planta de Nostián nunha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe, e reducir a porcentaxe de refugallos que non se reciclan”.

A alcaldesa anunciou que o Goberno local adxudicará este mes a redacción do documento para a adecuación das instalacións da planta de reciclaxe de Nostián ás novas normativas vixentes, para a renovación das súas instalacións, así como para a licitación do contrato de concesión de servizos de tratamento de residuos para a xestión da planta. O valor estimado do novo contrato ascende a 272.260.290 euros. Trátase do contrato mais cuantioso do Concello, que terá unha duración de 15 anos, e que deberá adaptarse aos novos retos medioambientais e de sostenibilidade actuais.

O obxectivo tamén é que se manteñan os postos de traballo na planta. Ademais, porase en marcha unha campaña para mellorar a reciclaxe de orixe e a separación nos fogares para reducir a porcentaxe de refugallos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.