Inés Rey recibe da man do ministro Grande-Marlaska a Medalla de prata ao mérito social penitenciario

Concello e Estado acordaron en marzo que preto de 40 persoas con penas realizasen traballos en beneficio da comunidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta mañá, no Centro Penitenciario de Valladolid, por parte do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, a Medalla de prata ao mérito social penitenciario. Esta distinción foille outorgada ao Concello da Coruña pola realización de importantes servizos no ámbito penitenciario, así como pola súa importante contribución á mellora da actividade penitenciaria en calquera das súas manifestacións.

O pasado mes de marzo o Concello da Coruña acordou co Estado un convenio de colaboración polo que xa pasaron 39 penadas/os que prestaron actividades de utilidade pública na Coruña dentro do seu ámbito competencial e en beneficio da comunidade. As persoas inscritas neste programa realizaron tarefas de peoas/peóns de mantemento, axudantas/es de estación e como persoal de apoio nas conserxerías dos mercados municipais e centros cívicos.

Inés Rey destacou que un labor deste alcance non podería levarse a cabo sen a cooperación estreita entre ambas as institucións e sen o rigor e seguimento que realiza Institucións Penitenciarias. Trátase dunha iniciativa que favorece a inclusión das e dos inscritos ao programa e fomenta a súa participación e colaboración como parte importante do desenvolvemento comunitario. “A inclusión oriéntase a todas as facetas da vida da persoa, desde o plano persoal ao social pasando polo laboral”, lembrou a alcaldesa. Sinalou que a idea do Goberno local é darlle continuidade ao programa no futuro.

A alcaldesa estivo acompañada en todo momento pola concelleira de Benestar Social, Yoya Neira. O acto de entrega das distincións penitenciarias, con motivo da celebración do Día da Mercé, tamén foi presidido polo secretario de Estado de Seguridade, Rafael Pérez Ruiz, e o secretario xeral de Institucións Penitenciarias, Ángel Luis Ortiz González.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.