Iván Feijoo e o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor estréanse na Copa Galicia de Maratón

Ana González Cuña venceu na clasificación absoluta feminina

Doce debut por partida dobre na Copa Galicia de Maratón. Na súa estrea no calendario, o XCM Audi Selection Plus-Concello de Piñor contou como padriño de luxo cun corredor que tamén se bautizaba no certame autonómico dos fondistas. Iván Feijoo (BH Templo Cafés UCC) dominou a proba organizada este domingo polo Ourense Termal Clube Ciclista, que tivo como madriña a Ana González Cuña (Mitto X-Sauce Team) na táboa absoluta feminina e que só provocou un cambio de líder nas clasificacións xerais.

A terceira e penúltima cita da Copa presentou como desafío dúas voltas a un circuíto de 36 quilómetros. Neste percorrido de moitos sendeiros de sobe e baixa, e cun descenso moi longo despois da última subida, acumulábanse 1900 metros de desnivel positivo. Á maioría das e dos bikers agradoulles a dificultade técnica media dunha ruta con moitas pedras, o que obrigou a prestar a máxima atención para non cometer erros.

O manexo da bicicleta é un dos puntos fortes de Iván Feijoo, actual campión de España sub23 de ciclocrós e que regresou á competición en Piñor tras a súa participación coa selección española no Mundial de XCO celebrado a finais de agosto en Val di Sole. O alaricano abriu oco nos primeiros quilómetros na compaña de Saúl López (Academia Postal-Abanca) e Javier Busto (Extol MTB).

Unha picada do vixente campión autonómico desta especialidade antes de que concluíra a primeira volta reduciu a cabeza da carreira ao dúo formado por Feijoo e Busto. O de Allariz e o de Lalín pasaron xuntos pola liña de meta cunha ampla vantaxe, mentres que López sufriría posteriormente outra picada e rematou noveno, por detrás do que é habitual no monfortino.

A mecánica tamén resultou decisiva no pulso pola vitoria. Busto picou durante o segundo xiro ao circuíto e perdeu moito tempo ao non dispor de bombonas de CO2, deixando vía libre para que Feijoo inaugurara o palmarés deste maratón. O sub23 do BH Templo amosouse implacable, sen cometer erros, e cruzou a liña de meta cando o cronómetro marcaba 3 horas 17 minutos e 10 segundos.

Busto salva o maillot elite

A dez minutos do vencedor, Alberto Alanis (Burgas Coluer) anotouse o segundo posto na xeral e o primeiro elite entrando xunto a Manuel Casuso (Xesteiras), que conseguiu unha axustada vitoria nos máster-30 batendo por 13” a Daniel García (Muros), líder neste grupo de idade e que pasa a encabezar a táboa absoluta da Copa. O top-5 completouno o elite Yago Fernández (Os Mosqueteiros) e sexto finalizou Busto, que malia o seu infortunio continúa ao fronte do ranking Elite.

A categoría que cambia de líder é a máster-40. Miguel Arias (Extol), segundo en Piñor por detrás de Antonio Rodríguez (Ourense Termal), arrebata a camisola da Copa a Alejandro Trasbach (Xesteiras), ausente nesta proba. En canto aos máster-50, venceu Julio Fernández (Dúas Rodas) e José Ramón Castelo (Barbanzabike) segue primeiro no ranking, mentres que nos máster-60 Carlos Gómez (Ourense Termal) reforzou o seu liderado exercendo de anfitrión.

Triunfo máster-40

A competición feminina arrancou marcada pola baixa de Susana Alonso (Extol). A líder destacada da clasificación absoluta da Copa aínda non está recuperada da súa caída no Open de España de Ávila. Sen a elite mosense, a máster-40 Ana González Cuña tomou o mando dende o principio e conseguiu unha clara vitoria. A porriñesa do Mitto X-Sauce, cun rexistro de 4:30:28, avantaxou en 10 minutos e 45 segundos á elite Mar Delgado (Monteneme).

A terceira praza scratch ocupouna Rebeca Muñoz (Ribadumia), líder máster-40 e agora tamén da táboa absoluta. Cuarta clasificouse a elite Desiree Fernández (Rsbike) e Sofía da Silva (Mosqueteiros), dominadora do ranking máster-30, rematou quinta.

A primeira edición deste maratón na provincia de Ourense baixou o pano coa cerimonia de podio na que o alcalde de Piñor, José Luis González Rodríguez, xunto ao concelleiro de Deportes, Manuel Diéguez Guerra, e o representante de Audi Selection Plus (Apersa), Martín Manso, encargáronse de entregar os premios e as camisolas da Copa. O certame autonómico de Cross Country Maratón concluirá o vindeiro domingo en Carballo coa disputa da XVIII Marcha Costa da Morte.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.