Jorquera, no acto nacional de comezo do curso político: “Na Coruña o BNG é a forza que ten a iniciativa e marca a dinámica da política municipal”

Cheo absoluto na Praza da Fariña no acto nacional co que o BNG deu inicio este sábado ao novo curso político, un evento en que tomaron a palabra o noso voceiro en María Pita, Francisco Jorquera, a nosa parlamentar Mercedes Queixas e, xa para lle pór o ramo a este mitin, a nosa portavoz nacional, Ana Pontón

En clave local, Jorquera centrou o seu discurso en “facer balanzo dos dous anos de mandato e nos retos que temos por diante”.

“Na Coruña o BNG é a forza que ten a iniciativa e marca a dinámica da política municipal”, dixo o noso voceiro en María Pita. “Marcamos a dinámica”, exemplificou, “cando conseguimos que se aprobase por unanimidade emprender accións legais contra os Franco para recuperar a Casa Cornide”. Ou cando impulsamos a Ordenanza do Galego ou “ao incluírmos na axenda municipal a aposta por construír unha cidade á medida das persoas, humanizando e democratizando o acceso ao espazo público”.

Ou tamén cando “denunciamos a parálise na creación da área metropolitana, obrigando uns e outros a ter que reaxir” ou cando puxemos sobre a mesa a “revitalización do noso pequeno comercio a través da creación dunha bolsa de locais comerciais”.

Houbo máis: “Tivemos a iniciativa cando acadamos o compromiso de pór en marcha unha bolsa de vivendas en aluguer” ou tamén cando instamos o Goberno Local a negociar coa Sareb para ceder ao Concello os seus inmóbeis para os ofertar como vivenda social.

Leva o BNG a iniciativa desde o momento en que dixo alto e claro que “os terreos do porto xa son públicos e non se nos pode facer pagar polo que é noso!”, proclamou Jorquera, a levantar aplausos no auditorio, e marcamos tamén a dinámica cando “obrigamos uns e outros a rectificar” no debate orzamentario. Rectificou o PSOE, após se negar neste exercicio a negociar unhas novas contas, e tamén outros abandonaron actitudes “que facían difícil chegar a acordos”.

Mais o BNG non se conforma con simplemente marcar a dinámica e afronta o futuro, quer na escala nacional quer na local, coa determinación de se tornar na alternativa real. “A nosa vocación para 2023 é ser a alternativa. A nosa vocación é construír unha alternativa que dote dun impulso verdadeiramente transformador ás políticas municipais”, concluíu o voceiro nacionalista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.