Maite Ferreiro presenta as actividades de animación á lectura e contacontos para o último trimestre do ano

O ciclo consta de 5 actividades para nenos e nenas, que terán lugar entre o 23 de setembro e o 25 de novembro no MIHL

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. «Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero», explicou Maite Ferreiro.

«Do mesmo xeito que na última edición, realizaremos as actividades nas instalacións do MIHL, onde se poderá manter a distancia de segridade interpersoal», explicou a edil de Cultura, que engadiu «para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es«. As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.

O ciclo conta cun total de cinco actividades, que comezarán o xoves 23 de setembro e continuarán ata o xoves 25 de novembro. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.

Programación ciclo de animación á lectura

 

Xoves, 23 de setembro ás 18,30h

Teatro Ghazafelhos «A máquina do tempo».

A partir de 5 anos.

Duración 50 minutos.

Sinopse

A doutora Mon e o seu axudante Pe logran construir unha máquina do tempo coa que nos amosan a verdadeira historia das civilizacións, mandando a Pe e a algún «voluntario ou voluntaria» a distintas épocas da nosa historia.

 

Xoves, 14 de outubro ás 18,30h

Inacio Vilariño (Fantoches Baj)  «Espantamedos».

A partir de 4 anos.

Duración 50 minutos.

Sinopse

O medo protéxenos de multitude de perigos e é por iso que, desde sempre, os medos tiveron nome e imaxe. En Espantamedos propoñemos un conxunto de contos e cancións para enfrontarse a eses medos patrimoniais que perviven na sociedade galega dos nosos días.

 

Mércores, 20 de outubro ás 18,30h

A xanela do maxín «U-la lúa».

A partir de 4 anos.

Duración 35 minutos.

Sinopse

A igualdade e a non violencia son os alicerces dunha historia que mostra a realidade que padecen nenas e mozas en todo o mundo, ás que se lles nega o pleno desenvolvemento como persoas. A gatiña Lúa oponse a iso, sendo un exemplo de constancia e valentía.

 

Mércores, 10 de novembro ás 18,30h

Palimoco Teatro «A historia de Carme e Xacobe».

A partir de 5 anos.

Duración 60 minutos.

Sinopse

Carme e Xacobe van visitar a cidade para ver aos seus netos, ainda que lles amola ter que deixar a súa casa xa que non queda moita xente na aldea para coidar dela. O que non esperaban, ao chegar a Lugo, é que todos estiveran tan ocupados que non teñan tempo para botar un conto.

 

Xoves, 25 de novembro ás 18,30h

Carmen Domech «Contacontos de libros contentos».

A partir de 4 anos.

Duración 50 minutos.

Sinopse

Os libros da miña casa tolearon por completo. A cada un aconteceulle un suceso incríble e viaxan nunha maleta de acá para alá querendo contar a súa historia. Hainos de todo tipo: tímidos, divertidos, intrépidos ou deliciosos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.