Marín inicia os trámites para nomear a Blanco Freijeiro fillo predilecto (Vídeo)

Antonio Blanco Freijeiro puxo -e aínda pon- o nome de Marín no máis alto do estudo da Historia e a Arqueoloxía. A súa figura supón un gran orgullo para a nosa vila e grazas ao seu legado a día de hoxe pódense celebrar unhas xornadas, as Blanco Freijeiro, que reúnen a estudosos e interesados nestas materias ano a ano.

A comezos de ano, o Club de Opinión Portocelo, rexistrou unha proposta no Concello para nomear ao historiador como fillo predilecto do municipio. Esta proposta foi arroupada polas firmas doutros colectivos socioculturais como o Ateneo Santa Cecilia, a Asociación Cultural Ronsel de Seixo, Queremos Galego, a Asociación de antigos alumnos do Instituto Laboral de Marín, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, a Asociación Almuíña e a Asociación Evanxélica Kalos.

Tal e como expuxo a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, na súa intervención no Pleno, existen varios requisitos que se deben cumprir para iniciar a tramitación deste expediente. Como é lóxico, é preciso que a persoa proposta sexa natural de Marín e deberase realizar un compendio de información e de recompilación dos datos e antecedentes que ten o Concello da figura proposta.

Despois, terá que ser un xuíz quen formule a proposta de nomeamento, que pasará a estar exposta públicamente na Casa Consistorial durante 15 días. Finalmente, elevarase a proposta de novo ao Pleno para poder sacala adiante, para o que é preciso o voto favorable das dúas terceiras partes da Corporación ou a unanimidade.

A concelleira quixo destacar “o importante labor que levou a cabo Blanco Freijeiro durante a súa época vital e o enorme legado que aínda hoxe mantén viva a paixón entre moitos polas artes e as ciencias sociais”.

Pequena biografía de Antonio Blanco Freijeiro (Marín, 1923 – 1991)

De profesión, arqueólogo, Freijeiro estudou Filosofía e Letras nas Universidades de Santiago de Compostela e Madrid, doutorándose en Filoloxía Clásica por esta última universidade.

En 1947, viaxa a Oxford para ampliar os seus estudos cunha bolsa Conde de Cartaxena da Academia da Historia. Á súa volta a España, exerce como profesor adxunto de Arqueoloxía en Madrid. Posteriormente, recibe unha bolsa da Fundación Alexander Humboldt coa que estuda en Heidelberg e Bonn.

En 1959, ocupa a cátedra de Arqueoloxía, Epigrafía e Numástica da Universidade de Sevilla e é nomeado en 1966 vicedecano da Facultado de Filosofía e Letras. Foi tamén director da Academia Española en Roma de 1967 a 1969, ano no que volve a Sevilla.

En 1974, trasládase á Universidade Complutense de Madrid como catedrático de Arqueoloxía clásica. Desenvolve numerosos proxectos arqueolóxics e funda, xunto a Javier de Fouce, a revista científica Habis.

Membro do Instituto Arqueolóxico Alemán de Berlín e, desde 1977, da Academia da Historia, foi director xeral de excavacións e autor dun catálogo de escultura do Museo do Prado, realizado en 1957 con Manuel Lorente Junquera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.