Mos recibirá a etapa de La Vuelta con pancartas e camisolas verdes en defensa do monte e a auga

A Plataforma ‘A Auga é Vida’ fai un chamamento a toda a veciñanza para que exprese o seu rexeitamento á construción dun centro comercial en Tameiga. As persoas que desexen sumarse á mobilización poden pedir unha bandeira nas Pedriñas, en horario de oficina, de forma totalmente gratuíta

A Vuelta a España chega a próxima fin de semana ao Castro de Herville precedida por unha intensa campaña publicitaria organizada dende o Concello de Mos. A plataforma ‘A Auga é Vida’ comparte a preocupación de boa parte da cidadanía, que «reclama máis transparencia en torno aos gastos derivados da chegada da etapa e teme que o evento se convirta, tal como aconteceu o ano pasado, nun acto de propaganda personalista en torno á figura da alcaldesa». Precisamente por este motivo, a dirección do movemento en defensa do monte e a auga convida a toda a veciñanza «a expresar o seu rexeitamento, durante a retransmisión da carreira, á operación urbanística promovida por Nidia Arévalo e o presidente do R.C. Celta, Carlos Mouriño, no monte común de Tameiga».

Ante todo, a plataforma quere facer un chamamento á responsabilidade para que a mobilización do próximo sábado, 4 de setembro, se realice dende o máximo respecto ao desenvolvemento da competición deportiva e cumprindo con todas as recomendacións sanitarias de prevención da Covid-19. As persoas que queiran sumarse á reivindicación poden colgar pancartas en lugares visibles ou nas vivendas situadas ao longo do percorrido, seguir a etapa dende as cunetas vestindo as camisolas verdes contra a construción do centro comercial e ondeando as bandeiras da plataforma, que se poden recoller de maneira gratuíta, en horario de oficina, no local das Pedriñas.

A convocatoria da mobilización realizouse a través das redes sociais e centos de persoas expresaron xa a súa vontade de participar. Non se vai establecer ningún punto de encontro para evitar aglomeracións nun determinado treito da etapa, por motivos de seguridade e tamén para darlle visibilidade á reivindicación ao longo de todo o ascenso ao porto.

De acordo co ritmo de carreira máis rápido previsto pola organización, os ciclistas deberían chegar á zona do Cristo de Belén a partir das 16:50 horas. Dende aí, virarán cara ao barrio do Agueiro, igrexa de Pereiras, igrexa de Cela, alto de San Cosme e Castro de Herville, onde estará situada a meta. A plataforma ‘A Auga é Vida’ confía en que o Concello e a organización «non poñan impedimentos á liberdade de expresión da veciñanza de Mos».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.