O BNG leva ao Parlamento a necesidade de nomear unha persoa titora nun grupo de Primaria no CEIP Ramón de la Sagra

A non cobertura do catálogo docente do CEIP Ramón de la Sagra, que ten levado á mobilización e ás protestas da comunidade educativa dese centro, é agora obxecto dunha batería de iniciativas da deputada do BNG Mercedes Queixas

Queixas rexistrou unha proposición non de lei, unha pregunta oral e outra por escrito, por medio das cales insta o Goberno galego a “nomear de urxencia un/unha docente no CEIP Ramón de la Sagra a tempo completo para atender como titor/a o grupo de 1ºA de Educación Primaria”.

Como é sabido, a comezo de curso a comunidade educativa do Ramón de la Sagra coñeceu que non poderían contar cunha persoa titora para os primeiros días de clase no grupo de 1ºA. Esta situación, que en principio parecía ía ter carácter provisorio, acabou por se tornar definitiva, o que, polo tanto, ten como consecuencia que esa praza se cubra con horas do resto do profesorado do centro.

“Esta decisión, á parte de non dar cumprimento á boa atención educativa do grupo de 1ºA garantindo o seu dereito a ter un docente titor, desencadea máis prexuízos no conxunto do centro”, afirma Queixas, quen a seguir enuméraos:

1.-A especialista de Educación Física que será titora de 1ºA abandona a cotitoría de 2º que xa tiña adscrita, co cal este grupo fica con medio titor.

2.-Todos os nenos e nenas de Educación Infantil deixan de ter psicomotricidade por falta de docente.

3.-Non haberá horas de apoio docente porque o horario do profesorado está ao límite do seu horario lectivo.

Para resumir, denuncia Queixas que a carencia dunha persoa titora a tempo completo “está impedindo a correcta integración do grupo na dinámica escolar e imposibilita o seguimento do alumnado, retrasando a detección de posíbeis dificultades de aprendizaxe e a resposta educativa axeitada”.

A solución non é outra que a de nomear de xeito urxente esa persoa titora e cumprir así ao que prevé o catálogo docente do CEIP Ramón de la Sagra.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.