O BNG recolle sinaturas para solicitar unha nova regulación da tarifa eléctrica

 O BNG vén de iniciar en Lugo unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar ao goberno do estado unha nova regulación da tarifa eléctrica. O edil do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que «a nova tarifa imposta polo goberno do Estado está a facer que a maioría dos e das consumidoras teñamos un aumento nos custes, e condiciónase un posible aforro na factura a un cambio importante nos hábitos de vida».

O BNG defende a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega, ademais dun IVE super-reducido do 4% en lugar do 21% que se aplica agora ao consumo de electricidade, así como a supresión do imposto especial de electricidade. Felipe Rivas explicou que «a luz é un servizo básico, non un artigo de luxo, ademais, as galegas e galegos estamos a pagar a luz máis cara do estado, sendo produtores de enerxía que se consume fóra de Galiza».

O BNG continúa a traballar para que a riqueza eléctrica repercuta en beneficio das familias, da clase traballadora e das empresas para crear emprego, de aí esta campaña de denuncia e mobilización social. Medidas como a tarifa eléctrica galega, a creación dunha empresa pública de enerxía que asuma as concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando, ou que a instalación de novos parques eólicos se vincule a proxectos industriais que xeren emprego son as propostas do BNG para poñer freo á suba do recibo da luz.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.