O BNG rexistrará no Parlamento unha iniciativa sobre a morte dunha usuaria no centro DomusVi Concepción Arenal de Matogrande

O Bloque Nacionalista Galego, por medio da súa viceportavoz parlamentar Olalla Rodil, vai rexistar unha iniciativa na cámara galega arredor das circunstancias en que se produciu a morte dunha usuaria no Centro DomusVi Concepción Arenal de Matogrande, o 10 de decembro de 2019

“A Xunta ten decidido non comparecer nun caso que está a ser investigado polo Xulgado de Instrución número 6 da Coruña. Argumenta que, a pesar de a residencia ser pública, a xestión perténcelle a unha compañía privada” denuncian.

Para o BNG, o argumento “é inaceptábel porque ao estarmos ante un centro de titularidade pública cábelle á Xunta a responsabilidade de controlar a xestión da concesionaria, e moito máis cando estamos a falar do coidado de persoas maiores e dun caso que traxicamente resultou na morte dunha persoa”.

De acordo coas investigacións policiais, no centro DomusVi Concepción Arenal de Matogrande non había nin médica nin enfermeiras, só auxiliares de enfermaría, durante os feitos e a muller faleceu após ter pasado a noite con febre e ter vomitado.

O BNG entende que concorren suficientes indicios como para desde a Xunta lle esixir responsabilidades a Domusvi.

“A Xunta debe facer todo o que está na súa man para garantir un dereito tan fundamental como o dereito a unha vellez digna”. Nese sentido, o BNG avoga por “fortalecer o sistema público”, ao tempo que critica a drenaxe de fondos públicos cara ás empresas privadas e entidades relixiosas que continúan a copar o sector das residencias.

En concreto, DomusVI acapara 20% do total de prazas nas residencias galegas, en concreto 4.737, en 30 centros, dos cales 40% son de titularidade pública.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.