O Ceesg reitera ante Sanidade a petición de contar coas profesionais da Educación Social no Plan de Saúde Mental de Galicia “para dar resposta ás necesidades reais da cidadanía”

Durante o encontro telemático, que tivo lugar esta mañá, o Colexio lembrou á Consellería as súas demandas trasladas desde hai máis de dous anos sobre a inclusión da figura profesional en todos os equipos de traballo do ámbito da saúde mental, de prevención e atención ás condutas adictivas

Representantes da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) mantiveron esta mañá unha xuntanza coa Consellería de Sanidade coa intención de reclamar que a administración pública conte con profesionais da Educación Social no deseño das estratexias e plans de Saúde Mental. Ao remate do encontro, o Ceesg obtivo o compromiso, por parte da Consellería, de abrir unha nova vía de colaboración para que o Colexio poida estar presente nas diferentes mesas de expertas que se establezan e achegar o seu coñecemento e experiencia ao desenvolvemento dos plans autonómicos de Saúde Mental e condutas adictivas.

O encontro, realizado de forma telemática, tiña como punto de partida o escrito remitido o pasado 13 de xaneiro á Consellería, logo da publicación do ‘Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid19 2020-2024’, e no que a Xunta de Galicia non tivo en consideración a contribución das e dos profesionais da Educación Social, “a pesar de ser traballadoras esenciais antes, durante e despois da pandemia; e a pesar de ser profesionais de referencia para moitas persoas usuarias e familias destes recursos de atención”.

Durante a sesión, Sonia González Rodríguez e Laura González Figueroa, do Ceesg, puxeron de manifesto a necesidade de elaborar “un Plan que se axuste as necesidades reais da cidadanía, como é o acompañamento de persoas usuarias e familias nos procesos de recuperación, as accións comunitarias e o traballo socioeducativo e sociosanitario desde a proximidade, cunha atención centrada nas persoas, nas súas necesidades e prioridades”. “Esta pandemia sacudiu o mundo. Se cadra faise máis evidente a importancia de investir en recursos de calidade que permitan garantir unha atención digna no ámbito da saúde”, apuntaron as representantes do Colexio.

A xuntanza tamén serviu para lembrar á Consellería de Sanidade, representada hoxe por María Tajes e Sinda Blanco Lobeiras (Xefa de Saúde Mental e Subdirectora Xeral de Atención Primaria, respectivamente), que o organismo público ten numerosas peticións das e dos profesionais da Educación Social sen responder desde o ano 2019, e que estas foron trasladadas á administración autonómica antes da pandemia por mor da COVID-19. Entre elas, inclúense a presenza de profesionais da Educación Social en todos os equipos de traballo do ámbito da saúde mental e de prevención e atención ás adiccións ou a creación da categoría profesional Educador/a Social no cadro de persoal do SERGAS (grupo A2).

Ao fío, o Ceesg lembrou a necesidade de deseñar e poñer en marcha diversos programas continuos de intervención precoz e de prevención, ademais de recursos para persoas maiores de 65 anos, nos que a figura profesional da educadora social “pode achegar unha clara mellora na atención á cidadanía e favorecer, polo tanto, o benestar das persoas ou comunidades destinararias destes programas”. Na xuntanza telemática, o Colexio tamén apuntou a importancia de que a Consellería escoite e teña en conta ás profesionais que forman a Rede de Tratamento de Condutas Adictivas de Galicia, entre as que se atopan as educadoras sociais, pois “son as profesionais que coñecen, de primeira man, as necesidades reais deste colectivo”.

Con todo, a Xunta de Goberno do Ceesg saudou a boa disposición da Consellería tanto á hora de abordar os puntos centrais da xuntanza, como de comprometer a celebración dunha nova xuntanza no último trimestre do ano.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.