O ciclo de narración oral Rúa dos Contos abre este venres a 30ª edición do FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que decorrerá desde o 24 até e 29 de outubro, celebra a súa primeira fin de semana con Alba Grande, Caxoto, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, O’Leo Arremecaghona, The Tetas Van, Brais das Hortas e Izquierdo Sisters

Este venres 24 de setembro comeza a 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. A súa proposta máis atrevida e retranqueira, a Rúa dos Contos, dará a saída a máis dun mes de celebración escénica. Contos, monólogos, música, humor e troula tomarán as rúas de Carballo na primeira fin de semana da man de Alba Grande, Caxoto, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, O’Leo Arremecaghona, The Tetas Van, Brais das Hortas e Izquierdo Sisters.

A Rúa dos Contos, a programación estable de narración oral do FIOT desde hai máis de dúas décadas, é un ciclo pioneiro en Galicia que mantén desde entón, como un dos seus obxectivos, a recuperación e difusión da tradición oral, tan propia do país e por iso a proposta céntrase, desde hai anos, na programación de espectáculos galegos de pequeno formato. Malia que Rúa dos Contos naceu como un programa enfocado aos monólogos e á narración oral, nas súas últimas edicións a programación incorporou outros ámbitos que, en paralelo, foron gañando espazo na escena galega. É o caso do novo circo, o teatro musical ou o mesmo cabaré, así como os espectáculos de teatro de pequeno formato e de humor máis transgresor. Nesta 22ª edición da Rúa dos Contos, na que o público atopará referentes galegos nestes ámbitos, o programa pretende ofrecer un espazo para presentar as últimas novidades e servir de plataforma de difusión para as creacións de carácter máis informal e enfocadas a espazos non teatrais.

Neste 30 aniversario do FIOT, a Rúa dos Contos conta con catro estreas absolutas (con propostas de Caxoto, Ángela Triana, Talía Teatro e Pallasos en Rebeldía) e incorpora unha novidade na súa programación: as Noites de Troula, noites con espectáculos no Mercado Municipal con grandes humoristas que enchen recintos teatrais. É o caso de Xosé A. Touriñán (8 de outubro) ou Luís Piedrahita (12 de outubro). Completarán a programación dúas narradoras imprescindibles na narración galega actual: Arantxa Treus e Paula Carballeira.

Ademais da apertura con humor e retranca, o FIOT celebrará unha gran festa na que convidará ao baile. O sábado 25 o mercado municipal acollerá a primeira función do XI Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) cunha proposta que conta nas súas claves con música electrónica, voz, luz e corpos en movemento. Technocracia, de Funboa Escénica, rescata a esencia das festas techno ou «raves» para desenvolver unha experiencia afectiva e sensorial como acto de insistencia e resistencia en comunidade. A peza, na que o público é parte fundamental da experiencia, aborda a festa como lugar de comuñón, como mecanismo de reprogramación mental, de ruptura co cotián ou de hedonismo físico e emocional.

O ciclo OTNI, orientado nesta edición cara a innovación escénica a través da introducción de ferramentas de transformación dixital, continuará o vindeiro 1 de outubro, co FIOT Fónico (recuperación da primeira edición, A lúa, válvula de spray, e a estrea de O espello que arde), para avanzar o 7 de outubro coa última creación de Marta Valverde e pechar os días 14 e 15 de outubro cunha experiencia virtual e presencial: Ronem Ram.

Venda de bonos e entradas para o Programa de Sala

Desde este luns 20 o público pode adquirir entradas e bonos (por primeira vez na historia do festival) para Rúa dos Contos. Tamén está activa a venda de entradas para o Ciclo XI OTNI, que decorrerá fundamentalmente a partir do 1 de outubro. Xa a partir do venres 24 de setembro, ás 10.00 horas, activarase o segundo tramo de venda de entradas. Neste caso, serán os bonos do Programa de Sala, un número limitado de billetes para todos os espectáculos desta liña de programación, entre os que se inclúen as propostas de Manolo Alcántara, Yllana ou Ron Lalá, entre outras, e que terán lugar a partir do 2 de outubro no Pazo de Cultura de Carballo. Este prazo estará vixente até o luns 27, incluído. A partir do martes 28, desde as 14.00 horas, o FIOT activará o terceiro tramo de venda de entradas e porá á disposición do público, tamén en ataquilla.com, os billetes individuais para as funcións do Programa de Sala e para outra das grandes novidades desta 30ª edición: o FIOT en Ruta, dous espectáculos coas compañías Berrobambán e Chévere e que terán lugar os días 8 e 12 de outubro nos centros sociais de Cances e Berdillo.

AXENDA FIOT – Do 24 ao 26 de setembro

24.09.2021 | 17.00 horas

Biblioteca Municipal

Rúa dos Contos | Alba Grande: Contos para derreter cera

24.09.2021 | 21.00 horas 
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | Caxoto: Don carnal (contos desvergoñados) ESTREA ABSOLUTA

24.09.2021 | 23.00 horas
Rúa Jacinto Amigo 
Rúa dos Contos | Pepo Suevos: Humor salvaxe

25.09.2021 | 20.00 horas
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | Oswaldo Digón: Outra movida

25.09.2021 | 21.30 horas
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | O’Leo Arremecaghona: Sé (mente de vencer)

25.09.2021 | 23.00 horas
Mercado municipal
OTNI | Funboa Escénica: Technocracia

26.09.2021 | 13.00 horas
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | The Tetas Van: Muller libre

26.09.2021 | 18.00 horas
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | Brais das Hortas: Zona de obras

26.09.2021 | 20.00 horas
Rúa Jacinto Amigo
Rúa dos Contos | Izquierdo Sisters: Galician Horror History

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.