O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia publica en aberto, na súa páxina web, o libro Machismos, de micro nada

Fiadeiras, o grupo de traballo en igualdade do Ceesg, celebra este xoves 16 o seu décimo aniversario de traballo a prol dunha educación social feminista promovendo a difusión dun volume colectivo que denuncia o machismo e as violencias contra as mulleres na vida cotiá

O grupo de traballo en igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), nomeado Fiadeiras, celebra este xoves 16 o seu 10º aniversario. O equipo, que leva unha década traballando a” prol da creación de espazos para o encontro e a reflexión coa finalidade de romper os modelos de intervención socioeducativa sexistas e favorecer unha educación social feminista”, festexa a data coa publicación, en aberto, do seu libro Machismos, de micro nada, un volume editado no ano 2016 coa intención de  visualizar o machismo na vida cotiá que afecta ás mulleres.

Machismos, de micro nada, é o resultado dun proceso de análise individual e colectivo deste grupo de traballo e que parte dunha reflexión: a consideración de que o termo micromachismos, acuñado por Luís Bonino, “reduce ou resta importancia, polo prefixo micro, as manifestacións de violencia contra as mulleres”. Este é o punto de partida dun traballo que pretende, polo tanto, amosar as formas sutís en que se presenta o patriarcado, precisamente coa intención de visibilizar a súa importancia.

O texto, desde hoxe dispoñible na páxina web do Ceesg, recolle experiencias de numerosas figuras e colectivos do eido do ámbito social, cultural ou educativo, á fin de dar conta de todas esas percepcións ou feitos intrínsecamente vinculados a un sistema estrutural machista co que se convive hoxe en día, e coa intención de poñer en valor que “as mulleres, cunha boa organización, podemos facer grandes ou pequenas cousas (o reto é poder facer), dando un novo paso na unión, fortalecemento e dignidade”.

Machismos, de micro nada (2016) inclúe textos e ilustracións de Lucía Aldao, Pablo Andrade, Leo Arremecághona, Isaac Castro Neira, Luís Davila “O Bichero”, Eva de la Torre Conde, Mª dos Anxos García Fonte, Clara Gayo, Manuel González Prieto, Mai Insua, Tareixa Ledo Regal, Juanjo Lorenzo Castiñeiras, Andrea Nunes Brións, Sabela Núñez Singala, Ana María Pérez Rico, Patricia Porto Paderne, Sofía Riveiro Olveira, María Rosendo Priego, Xulia Santiso Rolán, Maite Sío Docampo, Gema Zunzunegui Lamas, Olalla López Barro, As Quetas, Asociación Nós mesmas ou Sacha na Horta, entre outras.

O grupo Fiadeiras

Hai 170 anos, nace un día coma hoxe, Emilia Pardo Bazán. Seguindo a súa senda feminista, así como a de moitas outras mulleres, nace tamén hai 10 anos o grupo de traballo en igualdade Fiadeiras, “coa ilusión de crear espazos para o encontro, reflexión e traballo profesional das educadoras e educadores sociais de Galicia, encamiñados a romper os modelos de intervención socioeducativa sexistas, androcéntricos e paternalistas que seguen a frear, a día de hoxe, os avances cara unha sociedade democrática, xusta e feminista”.

O nome pretende ser “un recoñecemento ó traballo invisible que tantas mulleres teñen realizado confeccionando as prendas de roupa e vestindo a familias e pobos enteiros; pero tamén ten un sentido reivindicativo e simbólico que recolle o eco das verbas de Celia Amorós, quen salientaba a necesidade de «tecer fíos violetas que marquen novas estratexias para que outro mundo sexa posible»”.  Neste senso, as Fiadeiras traballan dende a Educación Social, unha profesión de carácter pedagóxico, xeradora de contextos educativos e accións mediadoras e formativas. “Abrazamos a educación social e o feminismo intervindo desde diferentes formas e contextos pola incorporación da perspectiva feminista na nosa profesión”, sinalan.

As accións que desde Fiadeiras levan a cabo desenvólvense nunha dobre dirección. Por unha banda, teñen un carácter interno e externo; é dicir, combínase un traballo “intracolexial” centrado na propia Xunta de Goberno, o persoal laboral e as persoas colexiadas; e pola outra vai dirixido á cidadanía en xeral, destacando a participación activa de Fiadeiras no movemento feminista galego e a súa colaboración con outras entidades no ámbito socioeducativo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.