O Concello de Lugo continúa a recuperar turistas, situándose na tempada de verán en números similares ao 2019

O MIHL foi a instalación municipal que máis subiu en visitantes, pasando de 5070 en todo 2019 a 9732 no que vai de 2021. Maite Ferreiro: «Nos primeiros meses do ano continuabamos con restriccións severas, o que fixo que o turismo descendera, a campaña de verán situounos en números similares a 2019»

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro informou sobre os datos de turismo da cidade durante o presente ano. Ferreiro explicou que «o número de turistas nos primeiros meses do ano, cando as restriccións de mobilidade eran máis severas, foron moi baixos, pero coa tempada de verán Lugo posicionouse como un destino estratéxico á hora de visitar Galiza».

Os dous puntos de información turística do Concello de Lugo, a Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo e o punto de información turística habilitado durante o verán na praza Maior atenderon en total durante a campaña de verán a 32.452 persoas. No verán de 2019 foron 40.071 as persoas atendidas nos puntos de información municipais. No reconto anual, as oficinas de turismo pecharon o 2019 con 51.282 turistas e este ano, a finais de agosto levábanse xa contabilizadas 34.437 visitas.

As salas museísticas municipais continúan a ser un gran atractivo turístico da cidade. Mentres que Porta Miñá e o Centro de Interpretación de San Roque rexistraron números similares na campaña de verán, o MIHL recibiu máis visitantes durante os meses de xuño xullo e agosto de 2021 que durante todo o 2019.

Total 2019 Ata agosto 2019 Total 2021 Verán 2019 Verán 2021
MIHL 5070 3087 9732 1213 7478
Porta Miñá 5267 3879 2713 2508 2102
San Roque 2563 1828 1302 1013 1032

Entre os visitantes que se achegaron ás distintas instalacións turísticas, destacan os procedentes do resto de Galiza, ademais de Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Francia, Portugal, Reino Unido e Alemaña son os países con máis turistas estranxeiros rexistrados nas estatísticas municipais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.