O curso comeza en Lugo con 19.789 alumnos matriculados en infantil, primaria e especial

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, acompañou aos rapaces e rapazas do CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos no primeiro día das clases, que arrincan con todas as medidas de seguridade necesarias e coa experiencia adquirida xa o curso pasado

O curso escolar 2021/22 comezou hoxe con 19.789 rapaces e rapazas matriculados en 120 centros da provincia de Lugo, 6.128 deles en Educación Infantil, 13.576 en Primaria e 85 en educación especial.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, acompañou aos nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos no primeiro día deste ano académico, que comeza en Galicia con todas as medidas de seguridade necesarias e coa experiencia adquirida xa polos centros o pasado curso para frear a propagación da covid.

Arias destacou o «bo funcionamento das accións preventivas o ano pasado grazas ao gran traballo do profesorado e de toda a comunidade educativa, á responsabilidade das familias e á boa actitude do alumnado», e apuntou que «a pesar de que a situación mudou en relación co curso anterior, segue a ser necesario contar coas ferramentas precisas para previr posibles contaxios».

Nese sentido, lembrou que a Xunta ten dispoñible desde o pasado 9 de xullo o Protocolo de Adaptación ao contexto da covid-19 nos centros educativos e contratará a 1250 docentes de reforzo a través do Plan Recupera que se van incorporar xa no mes de setembro.

Mellora de infraestruturas

Arias fixo balance das últimas melloras executadas polo Goberno galego en centros da provincia de Lugo, onde actualmente hai en marcha oito obras de gran envergadura iniciadas este ano que suman 3,7 millóns de euros. Así, estanse a acometer rehabilitacións integrais nos CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, IES María Sarmiento de Viveiro e CEIP Virxe do Corpiño de Begonte; xunto con outras obras como a renovación de cubertas, carpinterías exteriores e fachadas nos colexios de Cervantes, A Pobra do Brollón e Castroverde, IES Lois Peña Novo de Vilalba e IES de Monterroso.

Tamén están aínda en execución ou recentemente rematadas intervencións de menor entidade realizadas no verán en 65 colexios e institutos de toda a provincia, nas que se investiron 1,3 millóns de euros para pintar, acondicionar espazos e realizar outras melloras como a renovación das instalacións de electricidade e calefacción.

«Ademais, este ano tivemos en marcha en centros educativos de Lugo outras 12 obras importantes cun investimento de 5,4 millóns de euros na anualidade de 2021, que xa se iniciaran en exercicios anteriores e que veñen de finalizar o están a piques de facelo», dixo Arias. Entre elas figura o novo CEIP do Sagrado Corazón de Lugo, que se estrea hoxe; a rehabilitación integral do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria ou, no caso da Zona Sur, a reforma e ampliación do IES A Pinguela de Monforte de Lemos.

O delegado destacou que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares –ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas- dan protagonismo aos espazos abertos e multifuncionais que respondan ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas dos centros, dacordo cos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Por último, Arias resaltou que o departamento autonómico de Educación seguirá facendo fincapé nas accións de dixitalización das aulas, con proxectos como o do libro dixital -E-Dixgal-, que este curso aumentou a súa implantación na provincia ata os 90 centros integrados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.