O Grupo Socialista denuncia o “progresivo desmantelamento da educación pública galega por parte da Xunta”

Luís Álvarez censura a redución do profesorado, a quebra educativa no rural e os recortes nos servizos de comedor que amosan as “debilidades, incongruencias e falla de compromiso” da Consellería de Educación

A voceiro de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, denunciou hoxe o “progresivo desmantelamento” da educación pública galega por parte da Xunta de Galicia. Fíxoo, hoxe, trala comparecencia do conselleiro de Educación no Pleno do Parlamento.

Así, Álvarez censurou a redución do profesorado, a quebra educativa na contorna rural e os recortes nos servizos complementarios como o comedor escolar que amosan un “retroceso” na prestación de servizos educativos en Galicia, ademais das “debilidades, incongruencias e falla de compromiso” da Consellería de Educación.

“E todo isto, que é o peor, sen necesidade”, subliñou o voceiro socialista, xa que o Estado realizou en Galicia, durante a pandemia, un investimento en educación de máis de 204 millóns de euros en fondos extraordinarios, dos cales 92 millóns foron destinados ao Fondo Covid de Educación que a Xunta “segue sen dedicalos á finalidade para a que foron creados” xa que “se están cambiando cubertas con eles e iso non ten nada que ver con mellorar a situación sanitaria dos centros”.

Neste senso, lembrou que o Partido Popular “se negou” o curso político pasado “a render contas” sobre o citado fondo, tal e como esixiu o Grupo Socialista na Cámara galega. “Por algo será cando se nega un exercicio tan elemental de transparencia”, incidiu Álvarez.

Ao fío disto, o responsable socialista censurou a “cerimonia da confusión” á que xoga a Xunta nun “curso moi complexo” e cando está constatado que o sistema educativo galego para este curso 2021-2022 “ten menos profesores” que no curso pasado.

“Algo se está facendo rematadamente mal no sistema educativo galego”, sinalou, logo de enumerar diversos exemplos do “recortes” no eido educativo, como no caso do CEIP das Nogais, na provincia de Lugo, onde “se ten agrupado a todo o alumnado de Educación Primaria nun único grupo” cun total de 13 alumnos.

Nesta liña, sinalou tamén o caso do IES de Melide onde o alumnado de 2º de Bacharelato coñeceu a día 6 de setembro que non poderá cursar no seu instituto materias como Debuxo Técnico, Grego, Física, Historia da Arte, Xeoloxía ou Latín “por non acadar un número suficiente de alumnos e alumnas”.

“Todo o anterior non son casos illados, non é unha relación de anécdotas, é o que hai”, lamentou Álvarez, quen subliñou o “mal exemplo de xestión pública” da Xunta neste ámbito.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.