O mellor tríatlon nacional regresa esta fin de semana a Pontevedra

A avenida de Bos Aires e o río Lérez volverán converterse o sábado 2 e o domingo 3 de outubro en epicentro dun evento no que contará con 1.354 triatletas procedentes de todo o Estado

Un total de 1.354 triatletas procedentes de todo o Estado daranse cita esta fin de semana en Pontevedra no Campionato de España de Tríatlon en distancia Sprint para facer vibrar unha das sedes máis tradicionais do calendario da disciplina con explosivas competicións. A avenida de Bos Aires converterase tanto o sábado 2 como o domingo 3 de outubro en epicentro deste evento, que desenvolverá o seu segmento de natación no río Lérez, nas inmediacións da Ponte dos Tirantes, e os de ciclismo e carreira a pé no contorno das marxes fluviais.

As probas de categoría Elite, Grupos de Idade e Paratríatlon completarán as distancias de 750 metros de natación, case 20 kilómetros de ciclismo e 5 kilómetros de carreira a pé final, garantindo así o espectáculo e a velocidade das mesmas. As de deportistas de categorías Cadete, Xuvenil e Júnior serán aínda máis explosivas, disputándose sobre a distancia SuperSprint, con 250 metros de natación, 6,3 kilómetros de ciclismo e 1,5 kilómetros de carreira a pé. Ademais, celebraranse con formato de series clasificatorias (tres por categoría e xénero), nas que se porán en Xogo as prazas para a gran final de cada categoría.

O Campionato de España de Tríatlon Sprint Pontevedra 2021 foi presentado na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o membro da xunta directiva da Federación Galega de Tríatlon (Fegatri) Enrique Hernández, en representación da Federación Española (Fetri). O edil responsable de Deportes tomou a palabra para asegurar que “falar de tríatlon é falar de Pontevedra e falar de Pontevedra en actividades deportivas é falar de tríatlon, e resulta xa bastante difícil atopar un ano no que non se celebre unha proba de tríatlon de alto nivel na nosa cidade e mesmo naqueles anos que foron máis complicados pola pandemia fomos quen de organizar eventos de tríatlon de moi alto nivel e con resultados francamente positivos no que atinxe ás medidas de seguridade e control”.

Tal e como apuntou, “aínda que debemos ser moi prudentes, agora que estamos a saír desa situación que nos tivo agobiados, Pontevedra retoma o pulso do tríatlon con este Campionato de España no que máis de 1.300 deportistas poboarán a cidade de colorido, deporte de alto nivel, movemento económico para a cidade e tamén de ledicia, que é o que máis precisamos agora”. “Pontevedra ten un compromiso firme co deporte, con toda actividade deportiva, pero cando falamos de tríatlon ese compromiso é aínda moito máis forte, polo propio vencellamento que temos con este deporte e polas figuras da elite mundial que adestran e viven aquí. Estamos orgullosos de seguir sendo referentes e agradecidos de que a Fetri continúe a confiar en nós”, sinalou Fernández.

“Queremos incrementar a magnitude dos eventos nestes anos”

O alcalde de Pontevedra destacou “o esforzo realizado mesmo en época de pandemia para organizar probas de alto nivel” e asegurou que, con este Campionato de España, “retomamos a celebración de eventos coa participación de moitísima xente e que ademais traen a moita xente a Pontevedra”, seguindo “esa política do Concello que ten que ver co deporte de base, o deporte para todos, o deporte de clubs, pero tamén co deporte de elite, xa que son un exemplo a imitar por parte de calquera que se está a iniciar nun deporte”. “A nosa posición de cara ao futuro vai ser a de ir incrementando a magnitude dos eventos deportivos, incluídos os de tríatlon, e estamos aínda pechando cousas, xa que as probas internacionais hai que facelas con antelación suficiente. Houbo un parón de practicamente dous anos e agardamos volver retomar competicións de alto nivel internacional nos vindeiros anos, tanto de tríatlon como doutro tipo, como é o caso do Campionato do Mundo de Loita do vindeiro ano”, apuntou Miguel Anxo Fernández Lores.

Segundo afirmou o rexedor, este tipo de eventos xeran unha grande actividade económica na cidade, esencialmente nos sectores hoteleiro e hostaleiro, xa que “estes 1.300 deportistas, entre os que se contan participantes en categorías Cadete, Xuvenil e Júnior que virán acompañados de pais, avós e familia”.

Enrique Hernández salientou que o feito de celebrar este Campionato de España é “unha garantía de éxito”, posto que “xa coñecemos a implicación que haberá por parte das institucións”. O responsable da Fegatri fixo fincapé na potenciación das probas para categorías menores, que “van ocupar a maior parte do primeiro día de competicións, que se celebrarán nun formato novidoso, de eliminatorias, que fan delas unha actividade moi divertida de desenvolver por parte dos deportistas e tamén de ver para o público en xeral”.

O Campionato dará comezo o sábado 2 de outubro ás 9:00 horas, e ata case ás 12:00 horas disputarasne de xeito consecutivo as series clasificatorias A, B e C das categorías Cadete Masculina (con 171 triatletas inscritos); Cadete Feminina (120); Júnior Masculina (114); Júnior Feminina (58); Xuvenil Masculina (166), e Xuvenil Feminina (114). As primeiras finais serán as cadetes, ás 14:00 horas a masculina e ás 14:10 horas a feminina, celebrándose a continuación as de categoría Xuvenil, ás 15:40 horas a masculina e ás 15:50 horas a feminina, e as da Júnior, ás 16:30 horas a masculina e ás 16:40 horas a feminina.

A xornada do sábado pecharase coas probas Elite, nunha saída única, ás 17:15 horas para a categoría Feminina (96 deportistas inscritas), e ás 19:00 horas para a Masculina (100). O domingo 3 de outubro terán lugar as competicións de Grupos de Idade (380), a partir das 9:00 horas, e de Paratríatlon (35), coa primeira saída ás 12:00 horas.

Pode obterse toda a información sobre o evento, que conta con 75 técnicos acreditados, a través do enlace.

Para poder acceder ao recinto de celebración do Campionato de España de Tríatlon, os representantes dos medios de comunicación oficiais deberán acreditarse previamente antes das 14:00 horas do xoves 30 de setembro a través do enlace e presentar un cuestionario médico (descargar), así como superar un control de toma de temperatura. No interior da sede haberá que respectar uns estritos protocolos de seguridade, empregar en todo momento a mascarilla e manter a distancia interpersoal de seguridade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.